Pasar al contenido principal

A decana de Veterinaria da USC distinguida cun dos Premios Santo Tomás que entrega a Universidade de Córdoba

A decana da Facultade de Veterinaria de Lugo, Ana María Bravo del Moral, recolle este mércores 27 un dos Premios Santo Tomás que a Universidade de Córdoba (UCO) entrega cada ano co fin de recoñecer a aquelas persoas ou institucións que colaboraron con ela ou que contribuíron á prestación dun mellor servizo á sociedade.
Ana María Bravo del Moral foi distinguida pola súa estreita colaboración co persoal da UCO, axudando a que a Facultade de Veterinaria cordobesa conseguise a acreditación do Comité Europeo Veterinario que garantiza a excelencia do centro no ámbito da Unión Europea. A Facultade de Veterinaria de Lugo acadou esta valoración positiva, que a día de hoxe teñen seis centros españois, no ano 2000 e renovouna no 2008 por outros dez anos máis.
O reitor da UCO, José Manuel Roldán, salienta a “dedicación, a experiencia e o bo criterio” de Ana María Bravo, que colaborou coa institución cordobesa “na preparación dos programas e visitas, a valoración de criterios, as fortalezas e debilidades do centro e toda unha gama de aspectos e matices sen dúbida algunha determinantes á hora de acadar o éxito conseguido”.
Ademais da decana de Veterinaria da USC, este ano tamén resultaron galardoados o presidente da Fundación Al-Babtain, Abdulaziz Salud; o director do Instituto de Investigación e Formación Agraria (Ifapa), Francisco Javier de las Nieves; e o director do Instituto Andaluz de Administración Pública (IAAP), José Antonio Soriano Cabrera.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 27.01.2010.