Pasar al contenido principal

'Os instrumentos musicais na tradición galega', na salvagarda do patrimonio cultural inmaterial

O volume presentouse este mércores na Universidade de Santiago

Vinchas, lapeta, cantagalos, ferreñas, rabel, rin-ran, palleta, dolio, xipro, requinta, chirimía... todos nomes de instrumentos musicais que os nosos maiores tocaron en Galicia fundamentalmente no pasado século, aínda que moitos deles soan aínda hoxe por distintos lugares do país. Todos eles, ata un total de 144, foron catalogados por Pablo Carpintero no libro Os instrumentos musicais na tradición galega que este mércores se presentou na Universidade de Santiago.
O volume é produto de dezaseis anos de investigación, cun extenso traballo de campo realizado por toda Galicia e o norte de Portugal, estendéndose ademais a áreas de lingua e cultura galegas como a zona do Eo-Navia, O Bierzo, As Portelas de Zamora e San Martín de Trebello (Cáceres). Os investigadores tomaron contacto con máis de 150 gaiteiros de avanzada idade, con cantareiras, mesmo nenos e nenas...
Con deseños de Xosé Ramón Marín Martínez e desenvolvido ao abeiro do Proxecto universitario galego Ronsel para a salvagarda do patrimonio cultural inmaterial, o volume recompila os instrumentos musicais empregados en Galicia, estruturados inicialmente segundo a clasificación de Hornbostel e Sachs en idiófonos, membráfonos, cordófonos e aerófonos.
Pero o estudo fai tamén unha lectura desde dentro: que é a música para un galego e onde e como a situamos nós mesmos. Por iso, ademais de describir a súa forma, a maneira en que se constrúen e onde e como se conseguían explícase tamén como, onde, para que e por quen se tocan, o que dá conta en ocasións das filiacións sexuais, gremiais ou de idade dentro do sistema cultural tradicional galego.
Logo da súa investigación o autor concluíu que, por exemplo, no noso imaxinario a gaita de fol acaba sempre como prototipo de instrumento galego, ou que “unha parte moi importante do noso instrumentario, sobre todo o que manexan os nenos, é antiquísimo, datado incluso no paleolítico”.

Na presentación participaron, xunto co autor, a vicerreitora de Cultura da USC, Elvira Fidalgo; o seu homólogo da Universidade da Coruña, Luis Caparrós; o vicerreitor de Relacións Institucionais de Vigo, Iván Area; e Xavier Paz, director da editorial Difusora de Letras, Artes e Ideas.

Os autores

Pablo Carpintero é doutor en Ciencias pola USC, onde foi profesor de Bioquímica. Actualmente realiza un segundo doutoramento no Departamento de Historia da Arte da mesma Universidade sobre a gaita de fol, ademais de traballar no Proxecto Ronsel. Xoán Ramón Marín, un dos máis renomeados debuxantes etnográficos de Galicia, é na actualidade membro do Orfeón Treixadura e percusionista do Grupo de música antiga Resonet.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 27.01.2010.