Pasar al contenido principal

Un grupo de investigación da USC rexistra un sistema de análise da reputación ‘en liña’

Un grupo de investigación da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela, encabezado polo profesor Francisco Campos Freire, rexistra un sistema intelixente de análise da reputación on line das marcas, empresas, personaxes e temas que permite o seguimento automático da información xerada polos blogs, redes sociais e todo tipo de medios dixitais. Esta ferramenta automática de comunicación, denominada ‘Nostracker’, estase a aplicar de forma efectiva durante 2010 sobre 10.000 blogs de Galicia, cen medios dixitais e mil grupos da rede social Twitter. O seguinte paso de investigación que está a levar a cabo agora este grupo é a súa aplicación a toda a blogosfera de España e Iberoamérica. Un millón diario de micromedios procesados Este sistema intelixente de procesamento, xestión e seguimento das conversacións e informacións dos medios dixitais e sociais (blogs, redes sociais e prensa on line) incorpórase á nova investigación de ferramentas de comunicación que permitan a xestión automática dos fluxos de comunicación. As súas principais aplicacións céntranse nos ámbitos locais, micromedios, análises e seguimento de reputación das marcas, personalidades, temas e fluxos de opinión. Permite identificar diariamente de forma automática a notoriedade, relevancia e reputación das marcas, temas e personalidades a través dos blogs, redes sociais e medios dixitais. Pode chegar a procesar diariamente a información de máis dun millón de micromedios e grupos de redes sociais. Os principais aspectos nos que se centra o ‘Nostracker’ son a identificación de temas, obxectos ou marcas da conversación ou fluxo real de información a través de Internet dos medios de comunicación social. Establece e clasifica a diferenciación entre comentarios e informacións positivas e negativas, definindo cada un dos actores e temas relacionados coas comunicacións. O sistema permite o seguimento dun obxecto, marca ou personaxe a través dos distintos fluxos de información, comunicación e opinión; avalía as distintas axendas temáticas dos medios sociais e dos outros medios dixitais; establece rankings en función da notoriedade, popularidade e relevancia nos distintos fluxos de información e posibilita a exportación dos seus datos a outros sistemas, gráficos e representacións. Colaboración con Iberoamérica A invención deste sistema foi patentada polo Rexistro da Propiedade Intelectual co número de asento 03/2010/893. O proxecto iniciouse a comezos de 2009 coa participación de Francisco Campos como investigador principal, xuntamente con Manuel Gago Mariño e Ana López Cepeda, do Grupo de Novos Medios da Facultade de Comunicación compostelá.

A través dun equipo conxunto da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC e a Escola de Comunicación da Universidade Técnica Particular de Loja, unha das máis importantes de Ecuador, estase comezando a introducir toda a relación de blogs e redes sociais de España, Portugal, Brasil, países da área andina e do resto de Iberoamérica. O proxecto presentarase tamén na National Conference for Higher Education Web Professionals de Cincinnati-Ohio, do 10 ao 13 de outubro, en Estados Unidos.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 30.08.2010.