Pasar al contenido principal

Dereito aposta polo galego

A campaña, que sorprendeu aos universitarios do centro dende primeiras horas, contou co participación do decano da Facultade
A campaña, que sorprendeu aos universitarios do centro dende primeiras horas, contou co participación do decano da Facultade
Comezou por sorpresa a campaña ‘Témoslle Lei’, unha iniciativa que buscará aumentar o número de horas de docencia impartidas en galego nesta facultade

30 de cada 100 horas de docencia en galego. Esta é a meta que a Facultade de Dereito da USC tentará alcanzar ao longo dos próximos tres cursos académicos a través da campaña ‘Témoslle Lei’, triplicando as actuais cifras de uso do galego, que o pasado curso se situaban no 11,88% das horas de docencia. Unha iniciativa que acaba de poñerse en marcha dirixida ao alumnado deste centro compostelán co obxecto de sensibilizalo a respecto da utilización da lingua galega no propio centro e no mundo profesional. Dise da acción de gardar fidelidade, sentir simpatía ou terlle un grande aprezo, o lema elixido ‘Témoslle Lei’ incide no feito de que o galego conta con lexislación que o protexe e fomenta ata lograr a igualdade real das dúas linguas cooficiais en todos os ámbitos e, asemade, na cuestión afectiva e identitaria cara a esta lingua. Durante tres días, en quendas de mañá e tarde, alumnos de Dereito de diversas asociacións estudantís repartirán entre o estudantado do centro o material da campaña: unha bolsa co lema ‘ Témoslle Lei’, dous folletos con argumentario e un cd-rom coa escolma, en galego, das leis máis importantes que se estudan durante a carreira, así como recursos lingüísticos dos que podan botar man á hora de utilizaren o galego na súa vida académica. A posta en escena da campaña realizouse por sorpresa este luns na Facultade de Dereito, onde ademais do reparto de material, os universitarios tiñan á súa disposición un vídeo no que diversos profesionais do mundo do Dereito opinan sobre o uso da lingua neste ámbito. O fiscal xeral de Galicia, Carlos Varela; a maxistrada do Social en Santiago, Paz Filgueira; o xuíz da Fonsagrada, Luis Villares; o decano do Colexio de Avogados de Santiago, Evaristo Nogueira; o secretario do Concello de Outes, Xaquín Monteagudo; e os profesores da Facultade de Dereito José Antonio Gómez Segade e Antonia Nieto Alonso participan neste vídeo e animan ao PDI e ao alumnado do centro a incorporar a lingua galega no seu quefacer profesional.

‘Témoslle Lei’ forma parte dun plan desta Facultade compostelá, aprobado en decembro de 2009, para aumentar e mellorar o uso do galego en Dereito en tres cursos académicos. Como complemento da campaña, existe unha páxina web e un perfil de Facebook aberto a todas as persoas interesadas en coñecer en detalle a iniciativa.

A iniciativa tentará aumentar o uso da docencia en lingua galega no centro Nos tres primeiros días desta semana repartirase diverso material entre o estudantado

Los contenidos de esta página se actualizaron el 22.11.2010.