Pasar al contenido principal

O Ministerio de Defensa renova a cesión da Casa do Hórreo á USC

O reitor asinou o acordo de cesión da Casa do Hórreo en presenza do capitán de navío José Abad
O reitor asinou o acordo de cesión da Casa do Hórreo en presenza do capitán de navío José Abad
É un dos edificios nos que vertebra a súa actividade a Estación de Bioloxía Mariña da Graña

O reitor Juan Casares asinou este luns 22 a renovación do acordo de cesión á USC por parte do Ministerio de Defensa da Casa do Hórreo, un dos dous edificios sobre os que se asenta a Estación de Bioloxía Mariña da Graña (Ferrol). A sinatura celebrouse na propia Estación da USC nun acto no que tamén participaron o delegado de Defensa en Galicia, o capitán de navío José Abad, o almirante Manuel Garat, e o xefe de Patrimonio da Subdelegación de Defensa en Galicia, o tenente coronel Luís Seselle. Asistiron ademais o vicerreitor de Investigación, Francisco González, e o equipo directivo da Estación que dirixe o profesor Victoriano Urgorri, con Celia Besteiro como subdirectora e Guillermo Díaz-Agras como xefe da Estación. A renovación desta cesión asinada por vez primeira en 1998 realízase por un novo período de dez anos, podendo prorrogarse por período iguais de tempo ata un máximo de 75. A Estación Bioloxía Mariña da Graña (EBMG-USC) é unha institución científica que forma parte da USC dende a súa creación en 2001. O seu obxectivo é incentivar, promover e desenvolver a docencia e a investigación en bioloxía mariña, facilitando aos docentes e aos investigadores as súas instalacións e medios dispoñible para o desenvolvemento de traballos científicos, proxectos de investigación, teses ou reunións científicas. Neste senso, no ámbito docente a estación realiza anualmente prácticas de mar para o alumnado das licenciaturas de Bioloxía das tres Universidades de Galicia e para o de Ciencias do Mar da Universidade de Vigo. Nos laboratorios da EBMG-USC tamén se concentra unha ampla oferta de cursos de doutoramento e materias de másteres, tanto das universidades do Sistema Universitario Galego como doutras do resto de España, Portugal e Alemaña. No apartado da investigación, a EBMG-USC desenvolve unha ampla actividade de servizos á investigación, tanto a través de investigadores de proxectos propios como de numerosos científicos españois e estranxeiros, especialmente alemáns, que realizaron estadías na procura de especies necesarias para a súa investigación e que son abondosas no contorno da ría de Ferrol. A elo se suma a organización de reunións científicas de ámbito nacional e dous obradoiros internacionais, ou a defensa de teses de doutoramento, tesiñas e traballos de investigación tutelados. Produción científica Deste xeito, o persoal investigador da Estación ten alcanzado unha ampla produción científica, publicando anualmente numerosos artigos en revistas científicas, entre as que se atopan a descrición de varias especies novas para a ciencia. Este achados realizáronse no marco de proxectos de investigación nacionais e internacionais, o que á súa vez ten propiciado a participación dos investigadores da EBMF en numerosas campañas oceanográficas particularmente de estudo do sistema profundo das planicies abisais. É especialmente destacable a participación que o centro da USC tivo nas investigacións desenvolvidas como consecuencia da catástrofe do Prestige. Referente investigador De xeito complementario ás actividades de docencia e investigación, a EBMG-USC imparte de forma continuada dende o ano 2002 un curso de iniciación ao mergullo e á metodoloxía científica subacuática con escafandro autónomo para alumnos da USC. A calidade e sona do curso propiciou que alumnado das outras dúas universidades galegas solicitaran a inscrición nel. A participación en congresos internacionais e españois, a realización de estadías e cursos de formación no estranxeiros, a impartición de conferencias ou a realización de prácticas en empresas, son outras das actividades coordinadas dende a Estación. Neste senso, o labor da EBMG nestes anos posibilitou o establecemento e a coordinación de múltiples relacións de intercambio científico con outras universidades e institucións científicas de España e doutros países, e a cooperación e asesoramento no ámbito da investigación, con entidades públicas e privadas

A divulgación e a promoción tamén están presentes nas actividades deste centro de investigación en Bioloxía Mariña, organizando nos seus laboratorios seminarios de divulgación dentro da Semana da Ciencia, conferencias divulgativas en centros culturais e asociacións, e obradoiros de divulgación abertos a toda a cidadanía.

O reitor xunto cos oficiais recibiron as explicacións de Victoriano Urgorri

Los contenidos de esta página se actualizaron el 22.11.2010.