Pasar al contenido principal

Comeza unha nova edición do programa Diverciencia Granxas Dixitais Galicia 2010

O Grupo de Investigación Sociedade, Tecnoloxía e Territorio (GIS-T) da USC organiza un novo proxecto ‘Granxas Dixitais 2010’, centrado no coñecemento do medio rural a partir das tecnoloxías dixitais. O proxecto é deseñado como unha oportunidade para os escolares de empregar as novas tecnoloxías como medio de achegarse ao mundo rural, ao tempo que se relacionan con Internet dun xeito didáctico e tamén divertido, vencendo deste xeito a Fenda Dixital que sofre Galicia. A experiencia compleméntase cunha serie de visitas guiadas ás granxas que previamente tiveron ocasión de coñecer virtualmente, superando parcial ou totalmente a visión negativa que se ten moitas veces do rural. Experiencia de 2008 Escolares das catro provincias galegas foron os principais actores beneficiados do proxecto en 2008. A formación TIC, o coñecemento do eido rural galego visitando as granxas e museos rurais, e a participación en obradoiros agrarios foron actividades desenvolvidas baixo a supervisión do persoal investigador do GIS-T IDEGA. Ao mesmo tempo os granxeiros tamén adquiriron un grao importante de participación xa que foron eles os encargados de recibir e amosar as súas granxas aos estudantes. A integración entre os granxeiros e os rapaces foi especialmente positiva como canle de comunicación entre a Galicia rural e a Galicia urbana. En total participaron no proxecto cerca de 400 persoas entre escolares, granxeiros e técnicos do GIST. Ademais, os obradoiros dixitais de introdución ás TIC e tratamento de recursos dixitais das granxas visitadas foron abertos para pais e alumnos. Edición de 2010 Debido ao éxito alcanzado hai dous anos proponse agora unha segunda edición, coincidindo coa Semana da Ciencia, que pretende ampliar o número de escolares que poidan beneficiarse do proxecto así como dos museos didácticos virtuais postos á disposición do público en xeral a través do portal http://www.granxafamiliar.com. O proxecto, con carácter aberto e gratuíto para todos os centros de ensinanza, asociacións e colectivos de Galicia, desenvolverase a próxima semana, dende o luns 15, con visitas ao Pazo de Sabadelle (Chantada), Granxa Agro do Cruceiro (Coristanco), Casa dos Caseiros (Ponteceso), Casa dos Fungos (Melide) e Casa do Xurés (Lobios). Nesta ocasión participan estudantes dos colexios composteláns López Ferreiro e Pío XII, do San Pedro de Visma da Coruña, do IES Rosalía de Castro de Santiago e do Colexio Amadeo Barroso de Ourense.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 12.11.2010.