Pasar al contenido principal

David Attenborough recolle este xoves en Santiago o Premio Fonseca de divulgación científica

O naturalista David Attenborough (Reino Unido, 1926), un dos pioneiros en realizar documentais de natureza, visita esta semana a cidade de Compostela para, o xoves 18 no Auditorio de Galicia, recoller nun acto público o Premio Fonseca que convocan conxuntamente a USC e o Consorcio ao amparo do Programa ConCiencia. Este divulgador científico inglés colle así o relevo de Stephen Hawking e James Lovelock na consecución dun galardón que chega á súa terceira edición. O seu programa de visita comeza este mércores pola mañá cunha xuntanza con estudantes e persoal investigador da Facultade de Bioloxía. Xa pola tarde será recibido en San Xerome polo reitor da USC, Juan Casares Long. O xoves terá lugar, ás 20:00 horas no Auditorio de Galicia, a cerimonia de entrega na que pronunciará a conferencia 'Paxaros do Paraíso'. É a partir de 1979 cando Attenborough se consagra como a principal figura mundial na realización de programas sobre natureza. Nese ano dirixiu e presentou a serie máis ambiciosa que xamais se fixera sobre a vida animal, Life on Earth da BBC, vista por máis de 500 millóns de persoas e que marcou un antes e un despois na divulgación científica en televisión.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 15.11.2010.