Pasar al contenido principal

Entregáronse en Santiago os Premios Nacionais de Edición Universitaria

Foto de grupo dos premiados, co reitor Juan Casares á esquerda
Foto de grupo dos premiados, co reitor Juan Casares á esquerda
As editoriais universitarias españolas analizan na súa XXIX asemblea os retos da edición

A Unión de Editoriais Universitarias Españolas (UNE), que integra 62 editoriais e servizos de publicacións das universidades e centros de investigación españois, celebra estes días en Compostela a súa XXIX asemblea xeral anual baixo o lema ‘Os retos da edición na sociedade do saber’. O reitor da USC, Juan Casares Long, e o vicerreitor de Cultura, Javier Garbayo Montabes, foron os encargados de inaugurar o encontro na Facultade de Medicina. Precisamente a Universidade compostelá está a facer nestes últimos tempos un esforzo notable na cuestión que hoxe se trata. A edición, concretamente a electrónica, é hoxe na USC un valor potencial e de calidade a ter en conta non só polas persoas interesadas en publicar senón tamén polo público lector das súas obras. O selo de calidade ‘USC Editora’, a participación na plataforma e-book ou a colaboración con Google Books Search son algúns exemplos, aos que se suma a presentación, a vindeira semana en Santiago, do primeiro libro dixital da USC, que non coñece forma impresa. Entrega Premios Nacionais de Edición Universitaria No transcurso desta asemblea entregáronse ademais os XIII Premios Nacionais de Edición Universitaria, que este ano recaeron nas universidades Politécnica de Valencia, Salamanca, Huelva, Oviedo, Jaume I, UNED (en coedición coa Biblioteca de Autores Cristiáns), Deusto, o Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) e o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC). O Premio á obra mellor editada foi para o volume Pioneros del Graffiti en España da Universidade Politécnica de Valencia, mentres que a mellor tradución foi El Cantar de los Cantares en el humanismo español da Universidade de Huelva. Na categoría de monografías, en ciencias humanas e sociais o premio correspondeulle a Antonio de Guevara y Europa de Ediciones da Universidade de Salamanca; en ciencias experimentais e de tecnoloxías a Captura y almacenamiento de CO2. Criterios y metodología para evaluar la idoneidad de una estructura geológica como almacén de CO2 da Universidade de Huelva; en Ciencias da Saúde a Tuberculosis. Historia de su conocimiento da Universidade de Oviedo; e en ciencias xurídicas e económicas a Suna e Xara. La ley de los mudéjares valencianos (siglos XIII-XV) da Universidade Jaume I. O galardón á mellor colección recaeu no Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) polos seus Cuadernos Metodológicos e o dedicado á mellor coedición cunha editorial privada foi para Diálogo de doctrina cristiana da Biblioteca de Autores Cristianos e a Universidade Nacional de Educación a Distancia. Pola súa banda, o volume Historia de las plantas en el mundo antiguo, da Universidade de Deusto e o Consello Superior de Investigacións Científicas, foi recoñecido como a mellor coedición interuniversitaria. Por último, entrégase ao ministro de Educación, Ángel Gabilondo, o Premio á promoción da edición universitaria que concede por unanimidade a xunta directiva da UNE que preside Francisco Fernández Beltrán e que había oito anos que non se entregaba. Recolle o galardón nos eu nome o director xeral de Política Universitaria, Juan José Moreno Navarro. A xuntanza As intervencións deste xoves dedicáronse aos materiais de aprendizaxe no ámbito universitario, á visibilidade das revistas científicas en español e das novidades académicas nos novos escenarios de promoción. Ademais, presentouse a plataforma de contidos dixitais e distribución de e-books MeuBook. A sesión do venres comeza con dous relatorios sobre o uso de obras académicas no ámbito universitario e a evolución dos soportes de lectura dixital para continuar con asuntos e trámites da asemblea, como aprobación de actas, entrega de medallas a socios de honra ou a elección da nova xunta directiva.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 11.11.2010.