Pasar al contenido principal

O emprendemento visto en perspectiva feminina

O II Emporium Woman Emprende celebrarase nesta ocasión de xeito conxunto co X Congreso Internacional sobre Emprendemento Universitario

O emprendemento en feminino é o argumento que a vindeira semana, os días 18 e 19, unirá en Compostela a celebración do II Emporium Woman Emprende e do X Congreso Internacional sobre Emprendemento Universitario. A celebrar no edificio Emprendia, o evento contará contará na súa inauguración coa presenza da secretaria de Estado de Igualdade, Bibiana Aído.

Son dúas citas que nesta edición se dan a man co obxectivo de debater sobre a posta en valor dos resultados de investigación e a súa transferencia mediante a creación de spin-off académicos, achegando desta volta a perspectiva do xénero e o seu valor engadido. No desenvolvemento desta actividade conxunta citaranse en Santiago os principais programas e expertos sobre a temática.

O fío condutor será a busca de espazos de colaboración e a creación de redes, servindo para fortalecer as diferentes iniciativas de éxito que se desenvolveron en todo o programa de emprendemento amparado pola USC.

Así, no programa quedarán representados temas como o liderado feminino na gran empresa ou a valorización de resultados na investigación a partir de casos como o novísimo ‘Yissum,’ implementado en Xerusalén ou o consolidado modelo ‘Isis’ da Universidade de Oxford. Ademais falarase sobre o financiamento dirixido a cada unha das diferentes fases polas que discorre o proceso de creación de empresas de base tecnolóxica universitaria, compartindo novas ferramentas no ámbito mundial relacionadas coas redes de inversión e cos novos fondos de capital risco.

O programa rematará cunha reflexión sobre a necesidade de incorporar a transferencia de coñecemento ao tecido produtivo como unha das liñas de traballo para buscar posibles alternativas á crise da sociedade actual. Así intercambiaranse enfoques sobre a cultura emprendedora universitaria, profundarase na importancia do apoio á creación de empresas en áreas de humanidades e ciencias sociais, subliñando o éxito español colleitado na área bio.

Ligazóns relacionados:

Los contenidos de esta página se actualizaron el 10.11.2010.