Pasar al contenido principal

O Consello de Goberno aproba un amplo programa de prestacións sociais para o PDI e o PAS xubilado da USC

Coa fin de que o persoal xubilado que o desexe poida seguir vinculado á Universidade e participar nas actividades que oferte, o Consello de Goberno da USC acaba de aprobar un amplo programa de prestacións sociais do que gozarán nas mesmas condicións que os que se atopan en servizo activo. A partir de agora, o persoal xubilado disporá dun carné universitario que se renovará cada ano no que constará a súa nova situación. Por suposto, poderán utilizar as diferentes bibliotecas universitarias, participar en todas as actividades culturais e deportivas e terán acceso a axudas ao estudo. Ademais, sempre que a situación económica o permita posibilitarase a participación deste colectivo nos programas de intercambio de vacacións existentes. No que respecta ás novas tecnoloxías manterase activa a súa conta de correo electrónico e o acceso á rede sen fíos da USC e porase en marcha un portal web que sirva de medio de encontro e para facilitar información actualizada. Haberá tamén unha lista de distribución de correo electrónico específica para este colectivo. Para poder ter acceso a estes servizos, na páxina web da USC figurará a partir deste mércores un formulario a cubrir e actualizar anualmente ao longo dos meses de xaneiro e febreiro de cada ano natural. O PDI e o PAS xubilado con anterioridade á aprobación deste acordo poderá solicitar tamén estes servizos. Ciencias da Vida Na xuntanza do Consello o reitor Casares informou da reunión que mantivo co presidente do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), Rafael Rodríguez Montero, e na que lle anunciou a ratificación no seu compromiso co proxecto Campus Vida da USC. Segundo o acordado na reunión, celebrada esta semana en Santiago e á que asistiron tamén o presidente do Consello Social da USC, Manuel Puga, e o delegado de CESIC en Galicia, Uxío Labarta, ao longo dos próximos meses reformularanse os obxectivos do proxecto a desenvolver entre as dúas institucións. Persoal investigador ad honorem O mesmo órgano de goberno universitario deu tamén hoxe o seu visto bo á concesión do recoñecemento como docentes e investigadores ad honorem da USC a Jesús Izco Sevillano, Miguel Ángel Ríos Fernández e Isabel Suárez Gimeno. Esta designación concédese, por anos naturais prorrogables, a aquelas persoas de relevante prestixio profesional no seu campo que colaboren desinteresadamente en actividades formativas ou investigadoras da Universidade. A petición do catedrático de Botánica Izco Sevillano, avalada polo Departamento do mesmo nome, xira en torno á súa vinculación ao proxecto de execución do Xardín Botánico da USC. Pola súa banda, o Departamento de Química Física Miguel Ángel Ríos solicita o recoñecemento do catedrático Ríos Fernández para continuar colaborando no asesoramento ao grupo de investigación en Química teórica e computacional, sobre todo en cuestións relacionadas coa transferencia protónica en zeólitas ácidas. A profesora Suárez Gimeno, do Departamento de Química Inorgánica, solicita seguir organizando e impartindo clases no posgrao propio de especialización en Ortopedia para licenciados en Farmacia.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 16.11.2010.