Pasar al contenido principal

A USC celebra a xornada mundial de divulgación dos Sistemas de Información Xeográfica

O Sistema de Información Territorial con sede no Campus de Lugo organiza para este mércores unha xornada de portas abertas e presentacións

O Sistema de Información Territorial (SIT) da USC celebra este mércores 17 o GIS Day 2010, a xornada mundial de divulgación dos Sistemas de Información Xeográfica (SIX), tal e como vén sendo habitual nos últimos anos. O centro ten preparadas con motivo desta efeméride unha xornada de portas abertas nas instalacións do edificio Cactus do Campus de Lugo e presentacións relacionadas coa captura de datos para usar no SIX.

Durante a rolda de exposicións poderanse coñecer traballos como a delimitación de entidades urbanas para SIX con tecnoloxía LIDAR, a cuestión da xeoinformación nos estudos de posgrao a través do caso do Máster en Xestión Sustentable da Terra e do Territorio, os Sistemas de Información Xeográfica nos planeamentos de ordenación municipal ou exemplos e novidades en aplicacións e dispositivos vinculados aos GIS (Geographic Information System), entre outras. Os Sistemas de Información Xeográfica consisten na integración de persoas, hardware, software e información deseñados para a captura, almacenamento, manipulación, análise, modelización e presentación de información referenciada espacialmente que permiten a resolución de problemas complexos de planificación e xestión. Todos os usuarios de Sistemas de Información Xeográfica da Universidade e do ámbito externo están convidados. As presentacións curtas terán lugar ás 10:00 horas e posteriormente, de 13:00 a 15:00 horas e de 16:00 a 19:00 horas realizaranse demostracións en campo de equipos. As visitas ás instalacións do SIT da USC desenvolveranse durante toda a xornada

Los contenidos de esta página se actualizaron el 16.11.2010.