Catro seminarios analizarán esta semana a protección legal de contidos dixitais no sector audiovisual
O Clúster Audiovisual Galego organiza en colaboración coa USC un curso sobre Protección Legal dos Contidos Dixitais composto por catro seminarios que se desenvolverán os días 17,18,19 e 24 de novembro no Salón de Graos da Facultade de Dereito. O curso está dirixido a profesionais do sector audiovisual, autores de obras audiovisuais e estudantes universitarios de todas as titulacións. A finalidade desta actividade é que os asistentes coñezan os aspectos máis relevantes da obra audiovisual que resulten de maior interese para autores e produtores do sector. A análise integral da nova Lei Xeral de Comunicación Audiovisual será un dos puntos centrais do seminario xunto co estudo dos aspectos fiscais da propiedade intelectual e o comercio electrónico, vinculados á obra e á produción audiovisual. Desde a perspectiva da protección que ofrece a Lei de Propiedade Intelectual, estudarase non só a protección legal das obras senón tamén as diversas figuras contractuais que poden servir para protexer os dereitos dos autores e dos produtores. Esta formación apoiarase nas charlas que se ofrecerán desde o Rexistro da Propiedade Intelectual de Galicia e de EGEDA. Programa O día 17 estará dedicado á análise pormenorizada da nova Lei Xeral Audiovisual; o día 18 terá lugar o seminario centrado na obra audiovisual nos medios electrónicos e a súa xestión; na xornada do 19 estudarase o concepto da propiedade intelectual en relación coa obra audiovisual; e, xa para finalizar, o día 24 abordarase a cuestión dos servizos da sociedade da información e o comercio electrónico.