Comezan en Santiago o II Emporium Woman Emprende e o X Congreso Internacional sobre Emprendemento Universitario
O emprendemento en feminino é o argumento que este xoves 18 e o venres 19 unirá en Compostela a celebración do II Emporium Woman Emprende e do X Congreso Internacional sobre Emprendemento Universitario. A celebrar no edificio Emprendia, o evento inaugurarao ás 11:00 horas o reitor compostelán Juan Casares, nun acto no que estará acompañado pola directora xeral do Instituto da Muller, Laura Seara; pola secretaria xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, Marta González; e polo director-coordinador da División Global Santander Universidades, José Manuel Moreno Alegre. Son dúas citas que nesta edición se dan a man co obxectivo de debater sobre a posta en valor dos resultados de investigación e a súa transferencia mediante a creación de spin-off académicos, achegando desta volta a perspectiva do xénero e o seu valor engadido. No desenvolvemento desta actividade conxunta citaranse en Santiago os principais programas e expertos sobre a temática. O fío condutor será a busca de espazos de colaboración e a creación de redes, servindo para fortalecer as diferentes iniciativas de éxito que se desenvolveron en todo o programa de emprendemento amparado pola USC. Así, no programa quedarán representados temas como o liderado feminino na gran empresa ou a valorización de resultados na investigación a partir de casos como o novísimo ‘Yissum,’ implementado en Xerusalén ou o consolidado modelo ‘Isis’ da Universidade de Oxford. Ademais falarase sobre o financiamento dirixido a cada unha das diferentes fases polas que discorre o proceso de creación de empresas de base tecnolóxica universitaria, compartindo novas ferramentas no ámbito mundial relacionadas coas redes de inversión e cos novos fondos de capital risco. O programa rematará cunha reflexión sobre a necesidade de incorporar a transferencia de coñecemento ao tecido produtivo como unha das liñas de traballo para buscar posibles alternativas á crise da sociedade actual. Así intercambiaranse enfoques sobre a cultura emprendedora universitaria, profundarase na importancia do apoio á creación de empresas en áreas de humanidades e ciencias sociais, subliñando o éxito español colectado na área bio. Programa A xornada do xoves 18 estará dedicada ás redes de emprendemento feminino, comezando ás 10:00 horas cunha mesa de debate sobre ‘Redes colaborativas: a chave do éxito nos programas de emprendemento universitario’ na que intervirán o director do programa Uniemprende, Carlos Hernández, e María Ortís Fernández e María Vázquez, do Parc da Universidade Politécnica de Cataluña e do Instituto IDEAS da Politécnica de Valencia, respectivamente. Logo do acto de inauguración, a partir das 11:30 horas, a conselleira delegada da spin-off xurdida na USC Nanogap, Tatiana López del Río, presentará o catálogo Muller Universitaria Emprendedora. Para pechar a xornada matinal a presidenta da Asociación Española da Economía Dixital (ADIGITAL), Elena Gómez del Pozuelo, reflexionará sobre as particularidades da relación entre muller e empresa. Valoración dos resultados de investigación é o bloque temático que abrirá a sesión da tarde, a partir das 16:30 horas, comezando coa presentación do Modelo Isis de transferencia de tecnoloxía da Universidade de Oxford a cargo do seu director administrativo Tom Hockaday. A partir das 17:00 horas, a vicepresidenta de colaboracións científicas de Yissum Research Development Company, Elena Canetti, refereirase á ‘Transferencia de Tecnoloxía da Academia á industria: casos e solucións’. Para rematar esta primeira xornada o director xeral de Genoma España, Rafael Camacho, pronunciará o relatorio ‘Investir en proxectos de innovación’.
Na xornada do venres, as distintas intervencións programadas terán como común denominador o tema ‘Cultura emprendedora: unha nova universidade para unha nova economía’.