Investigadores da USC detectan deficiencias no diagnóstico do autismo en Galicia
Investigadores da Unidade de Atención Temperá da USC (UAT) veñen de detectar que o Síndrome de Asperger -un trastorno neuromental que forma parte do espectro de trastornos autistas- está “infradiagnosticado” na Comunidade Autónoma galega. Así o destacou a directora da UAT, María José Buceta, no marco do Congreso Mundial de Autismo que reuniu hai uns días en México aos máis prestixiosos investigadores no campo da psicoloxía e psiquiatría. Segundo as últimas investigacións realizadas na USC con menores de entre 6 e 14 anos, a día de hoxe en Galicia, esta variedade do autismo existe de maneira máis patente da que se cre, aínda que tarda en diagnosticarse. O Síndrome leva asociadas importantes alteracións no procesamento da información, deficiencias na interacción social e coordinación motora. Trátase dun trastorno moi frecuente (de 3 a 7 por cada 1.000 nacidos vivos) que parece ter maior incidencia en nenos que en nenas. Recentemente recoñecido pola comunidade científica como entidade diferenciada do autismo, é aínda pouco coñecido entre a poboación xeral e incluso entre moitos profesionais. Dificultades para a interacción social Segundo os últimos estudos, a persoa que o presenta ten un aspecto e intelixencia normal ou incluso superior á media, presenta un estilo cognitivo particular e é frecuente que teña habilidades especiais en áreas restrinxidas.
Aínda que se manifesta de maneira diferente en cada caso, si teñen en común as dificultades para a interacción social, especialmente con persoas da súa mesma idade. Tamén sofren alteracións dos patróns de comunicación non verbal, fan unha interpretación literal da linguaxe ou unha interpretación nula dos sentimentos e emocións alleos e propios.