Pasar al contenido principal

Un investigador da USC acada o III Premio á Calidade na Investigación sobre Cooperación para o Desenvolvemento Humano

Convoca este premio a Conferencia de Reitores das Universidades Madrileñas

O investigador do Departamento de Historia e Institucións Económicas Alfredo Macías Vázquez acaba de ser recoñecido co Premio á Calidade na Investigación e ás Teses de Doutoramento sobre Cooperación Internacional para o Desenvolvemento Humano, convocado pola Conferencia de Reitores das Universidades Madrileñas. Alfredo Macías resultou premiado pola súa investigación ‘A sustentabilidade da débeda nos países de baixos ingresos cara a unha nova proposta de marco teórico baseado na análise estrutural’. O obxectivo do concurso é estimular o traballo de investigación no ámbito da cooperación, recoñecendo e difundindo os resultados de maior interese para o sistema da cooperación española. Deste xeito búscase que estudantes de doutoramento, así como investigadores e profesores orienten parte relevante da súa actividade na universidade cara o campo da cooperación para o desenvolvemento, achegando os coñecementos e capacidades que lle son propias.

O concurso establece un premio á mellor investigación, o acadado polo investigador da Universidade compostelá, e cinco premios á mellor tese de doutoramento seleccionada de entre cada unha das cinco ramas científicas en que se clasifica o ensino superior en España.

O traballo premiado
A investigación premiada ten por obxecto mellorar a comprensión das relacións estruturais entre os procesos de endebedamento externo e as dinámicas de desenvolvemento económico nos países de baixos ingresos, coa finalidade de avanzar no cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio. Neste senso, no artigo polemízase coa proposta multilateral de marco analítico da sustentatiblidade destes países, demostrando –como sinala o seu autor- que “é posible deseñar instrumentos analíticos que non só se preocupen da capacidade de pago dos mesmos, senón tamén que logren integrar as súas aspiracións de desenvolvemento como condicionante desta sustentabilidade”.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 23.11.2010.