Expertos en dereito e economía debaten na USC sobre crise financeira e bo goberno
O Departamento de Dereito Mercantil e do Traballo da USC reúne este venres 26 a un nutrido grupo de especialistas para debater, no marco do ciclo de conferencias sobre Goberno Corporativo e Responsabilidade Social, sobre crise financeira e bo goberno. A xornada inaugurarase no Salón de Graos da Facultade de Dereito coa intervención do presidente do Tribunal Galego de Defensa da Competencia e profesor da USC, Francisco Hernández Rodríguez; do catedrático de Dereito Mercantil da USC, Ángel Fernández-Albor; e de autoridades da Consellaría de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia. A continuación terá lugar o relatorio ‘Sector bancario: leccións da crise’ do profesor Xavier Freixas, do Departamento de Economía e Empresa da Universidade Pompeu Fabra. Xa ás 11:30 horas María Jesús Peñas, do Departamento de Dereito Mercantil da Universidade de Valladolid, falará de bo goberno e regulación nas caixas de aforros. A última das intervencións, que ofrecerá unha visión práctica da regulación nas entidades financeiras, correrá a cargo do director da asesoría xurídica financeira e de mercados de Banesto, Ramón Hernández Peñasco.
A sesión rematará ás 13:00 horas coa presentación de conclusións, que moderará Elena Pérez Carrillo, do Departamento de Dereito Mercantil da USC.