Pasar al contenido principal

Analizan nunhas xornadas as particularidades da cooperación territorial e transfronteiriza entre Galicia e Norte de Portugal

A análise da cooperación territorial e transfronteiriza entre Galicia e Norte de Portugal é o argumento central dunhas xornadas que se celebran este venres na Facultade de Dereito dentro das actividades académicas do Máster Universitario en Estudos Internacionais da USC. A xornada sobre ‘ Cooperación Interrexional. Galicia, Castela e León e a Rexión Norte de Portugal’ porá de manifesto os esforzos e actuacións desenvolvidos para promover, desenvolver e regular a cooperación transfronteiriza durante as dúas últimas décadas e as actividades executadas neste senso pola administración autonómica galega. A inauguración deste encontro internacional ten lugar na Sala de Xuntas da Facultade de Dereito coa presenza da secretaria xeral da USC, Lourdes Noya; o subdirector xeral de Relacións coa Unión Europea, Santiago Álvarez; e a vicedecana de Asuntos Académicos do centro, Isabel Lirola. A entrada en vigor en 2002 do Tratado entre España e a República Portuguesa sobre cooperación transfronteiriza entre entidades e instancias territoriais e a posterior adaptación en 2006 do Acordo Constitutivo da Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal, inauguraron unha nova etapa nas relacións de veciñanza hispano-portuguesa. Marcaron este período a aparición de novos instrumentos de cooperación, como a Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia Norte de Portugal e a constitución dunha Macrorexión na que tamén se integrou a comunidade de Castela e León. Na xornada programada para este venres interveñen expertos españois e portugueses para analizar os diversos instrumentos creados para a cooperación transfronteiriza. Entre eles, os catedráticos de Dereito Internacional Público das universidades de Valladolid, Santiago e Minho, Alberto Herrero de la Fuente, Mª Teresa Ponte Iglesias e Wladimir Brito, respectivamente, ademais do subdirector xeral de Acción Exterior e de Cooperación Transfronteiriza da Xunta de Galicia, Xosé Lago, e do secretario da Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia – Norte de Portugal, Juan Lirón, que achegarán un enfoque eminentemente práctico sobre os logros alcanzados e os retos inmediatos neste eido.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 25.11.2010.