Pasar al contenido principal

Un investigador da USC falará sobre o modelo do banco de terras galego nun seminario da FAO en Budapest

O grupo de investigación sobre Territorio e Diversidade vinculado ao Departamento de Enxeñaría Agroforestal do Campus de Lugo e dirixido por Rafael Crecente estará presente a vindeira semana nun workshop organizado pola Organización das Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación (FAO) na cidade húngara de Budapest. Francisco Ónega López será o encargado de expor, xunto con representantes do Bantegal, unha comparación deste modelo implantado na nosa comunidade con outros existentes no territorio español. O seminario internacional terá lugar do 8 ao 11 de novembro e ten como finalidade o intercambio de experiencias en diferentes países de cara á elaboración, por parte da FAO, das recomendacións para a posta en marcha de políticas de bancos de terras, enfocadas sobre todo cara a zonas con importantes problemas a causa do minifundismo. Desta maneira varios países occidentais darán conta dos resultados das súas investigacións. Ónega fará unha revisión crítica da proposta do documento elaborado pola FAO co fin de achegar coñecementos en conxunto en materia de organización das terras para a explotación agrícola.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 04.11.2010.