USC e FEGAMP colaboran na formación de expertos en administración local

O reitor da USC, Juan Casares Long, e o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), Carlos Fernández Castro, asinaron este martes en San Xerome dous convenios de colaboración para a realización do Máster en Administración Local e do curso de experto en xestión socio-educativa da inmigración no eido local. En concreto, trátase de regular o financiamento da oitava edición do Máster en Administración local –que dirixe a profesora Teresa Carballeira- e de todos os cursos que del se derivan: o XI Curso de especialización en Administración Local e o VI en Práctica Local; o terceiro de formación continua e de perfeccionamento de Contratación Pública, o quinto de experto en Dereito Urbanístico e Ordenación do Territorio e o terceiro en medio ambiente. Segundo establece o acordo, posibilitarase a participación subvencionada do persoal da Administración Local galega e a FEGAMP poderá propoñer dentro do profesorado a profesionais de recoñecido prestixio que garden estreita relación cos obxectivos do curso. Este posgrao tenta cubrir o baleiro académico que actualmente existe na universidade español en canto á formación especializada en materia de administración local. Aténdese, deste xeito a unha tripla demanda, a dos licenciados que procuran especializarse ou completar a súa formación, a dos profesionais que buscan o perfeccionamento no cometido das súas funcións e a dos concellos e deputacións que demandan cada día máis persoal especializado. Xestión socio-educativa da inmigración Acordouse tamén regular as bases de cooperación entre a FEGAMP e a USC para financiar o curso de experto en xestión socio-educativa da inmigración no eido local que dirixen os profesores Mª del Mar Lorenzo Moledo e Miguel Santos Rego a través do Departamento de Teoría da Educación, Historia da Educación e Pedagoxía Social.
O curso presentará as claves explicativas e interpretativas dos fluxos migratorios na actualidade, ofrecendo ao alumnado coñecementos, habilidades e ferramentas necesarias para a xestión da inmigración no eido local e tratando de mellorar as competencias de natureza intercultural na xestión local da inmigración. O programa desenvolverase mesturando as sesións expositivas cunha metodoloxía activa e participativa, empregando técnicas de aprendizaxe cooperativa e aprendizaxe baseada en problemas.