Pasar al contenido principal

Juan J. Casares Long agradece á comunidade universitaria o apoio recibido

O reitor electo da Universidade de Santiago de Compostela, Juan J. Casares Long, compareceu este martes diante dos medios de comunicación, para analizar a xornada electoral. O catedrático de Enxeñería Química comezou a súa intervención agradecendo a toda a comunidade universitaria o apoio recibido e dixo que o seu lema segue a ser o de "contar con todos, para ter un goberno forte na Universidade".

En canto ao descenso da participación dos estudantes nos comicios, sector no que a súa candidatura tivo respecto á de Fernández Prieto unha diferenza de 200 votos, dixo que "é debido ao remate das clases e ao comezo do período de exames", pero "entendemos que co 45,4% dos votos temos un amplo respaldo aínda que debemos realizar moito traballo para motivar aos estudantes e incentivar a súa participación activa na vida universitaria".

O profesor Casares destacou que na categoría de Profesor Docente e Investigador, a súa candidatura gañou en 20 dos 26 centros, con 708 votos fronte a 369. Segundo o reitor electo a clave da vitoria radica precisamente “na confianza do profesorado no noso proxecto, tanto en Lugo como en Santiago de Compostela". En canto ao Persoal de Administración e Servizos (PAS), Casares di que "houbo unha diferenza a favor da outra candidatura de 53 votos, pero entendemos que co 46,53% temos un amplo respaldo deste sector".

Juan Casares explicou que hoxe mesmo comezou a traballar. Estivo reunido co reitor, Senén Barro, pola mañá e, pola tarde, cos membros do seu equipo. "Temos moitas gañas e moita ilusión, e -como dixen fai uns días- cumpriremos os compromisos que temos coa comunidade universitaria", explicou. "No noso programa, engadiu, apostamos pola transparencia e, por iso, hoxe mesmo publicaremos os gastos da campaña e presentaremos unha análise, en canto sexa posible, da situación da USC".

Parabéns de Fernández Prieto

O outro candidato que participou na segunda volta destas eleccións, Lourenzo Fernández Prieto fixo público un comunicado tamén de agradecemento á comunidade universitaria e de “parabéns para o Profesor Juan Casares, a quen xa transmitín onte a miña enteira disposición ao diálogo e á unidade na defensa dos intereses da USC”.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 25.05.2010.