A USC e a Fundación Vodafone España aseguran a continuación do Proxecto Estalmat-Galicia
O reitor da Universidade de Santiago, Senén Barro Ameneiro, e o presidente da Fundación Vodafone España, José Luis Ripoll, asinaron este luns o convenio que permite continuar coa colaboración no Programa Estalmat -de estímulo do talento matemático- en Galicia. Ao acto asistiron tamén o presidente de Estalmat-Galicia, o catedrático de Matemática Aplicada Juan. Viaño Rey; a decana da Facultade de Matemáticas, Mª Victoria Otero Espinar; o responsable do Programa ‘A Ponte da USC’, Luis Hervella; e varios membros do comité organizador de Estalmat-Galicia.
O Proxecto Estalmat, iniciado en 1998 na Comunidade de Madrid co apoio da Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas e Naturais e o patrocinio de Vodafone, ten por obxecto detectar, estimular e orientar, ao longo de dous cursos, o talento matemático excepcional duns 25 estudantes de toda Galicia (de 12 e 13 anos) mediante unha orientación semanal con actividades especialmente programadas para eles nas mañás dos sábados. Non se trata de adiantar aos estudantes en contidos do currículo escolar, senón propoñerlles actividades de estímulo para axudar a desenvolver o talento e aumentar o seu interese polas matemáticas. O éxito e bos resultados do programa aválao o feito de que durante dous cursos haxa rapaces e rapaces que cada sábado se trasladan a Santiago, nalgún caso percorrendo ata 200 quilómetros dende a súa vila de residencia.
Estalmat-GaliciaO proxecto Estalmat-Galicia comezou a implantarse en 2007, pilotado dende a Facultade de Matemáticas da USC por un comité organizador presidido polo catedrático Juan Viaño Rey, actual vicerreitor de Profesorado e Organización Académica da USC, e un equipo de 25 docentes de matemáticas en centros de ensino de diferentes niveis en toda Galicia ou nalgunha das tres universidades galegas.
Cada sábado reúnense na Facultade compostelá os 50 “talentos” reunidos en 2 grupos de 25 para traballar e divertirse coas matemáticas. As probas de selección teñen lugar anualmente cunha media de 200 participantes procedentes de toda Galicia. Así, ata o momento participaron aproximadamente 500 estudantes nas probas de selección dos que 75 foron incorporados ás actividades de Estalmat-Galicia. A finais deste ano serán 750 os nenos e nenas examinados e 100 os talentos seleccionados.
A convocatoria 2010-12 está aberta ata finais deste mes de maio, sendo a proba o vindeiro día 5 de xuño.
FinanciamentoEstalmat funciona actualmente en Cataluña, Andalucía, Canarias, Castela e León, Valencia e Galicia. Ademais do financiamento da Fundación Vodafone España, conta con axudas do Proxecto Consolider Ingenio-Mathematica e do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC). O proxecto Estalmat-Galicia conta ademais cun apoio financeiro específico das Deputacións da Coruña e Lugo. As axudas van destinadas fundamentalmente a bolsas de viaxe para as familias dos alumnos e gastos loxísticos.