Pasar al contenido principal

Filólogos de Europa e América especializados en literatura medieval presentan na USC os resultados das súas investigacións

Debater sobre os problemas cos que se atopan os filólogos no seu traballo cotián e presentar resultados prácticos de investigacións filolóxicas que levaron a cabo especialistas en diferentes ámbitos científicos son algúns dos obxectivos do Congreso Internacional ‘O texto medieval: da edición á interpretación’ que se desenvolve no Salón de Graos da Facultade de Filoloxía este martes 25 e o mércores 26.
A inauguración do encontro contou coa presenza dos vicerreitores de Oferta Docente e EEES e de Cultura, Maxímo Pló e Elvira Fidalgo, respectivamente; da vicedecana da Facultade de Filoloxía, Mª José López; e da coordinadora do congreso, Pilar Lorenzo.
Este encontro, organizado pola Área de Filoloxía Románica do Departamento de Filoloxía Galega, diríxese a investigadores, docentes e estudantes das diferentes filoloxías románicas, profesores de ensino secundario e a calquera persoa interesada nos estudos da crítica textual e literatura medieval.
Unha vintena de filólogos e investigadores de universidades españolas, francesas, italianas e americanas participarán neste congreso con relatorios nos que analizarán a relación entre dous momentos fundamentais da labor filolóxica dos textos literarios, como son o traballo de edición e a actividade esexética que del se deriva. Neste senso, abordaranse as últimas propostas metodolóxicas no eido da ecdótica ou as achegas que se realizan dende os estudos da crítica textual, da tradición manuscrita, da lingüística e da historia literaria.
Xornada do lunsO programa, que se desenvolve no Salón de Graos da Facultade de Filoloxía, tivo como protagonista da súa conferencia inaugural ao profesor Cesare Segre, nomeado o pasado ano doutor honoris causa pola USC. O destacado filólogo italiano reflexionou sobre as recentes propostas da estudosa Xenia Muratova sobre a descuberta dun novo testemuño manuscrito do coñecido Bestiaire d’Amours do francés Richard de Fournival que data do século XIII.
A quenda de intervencións continua pola tarde, a partir das 16:30 horas, abrindo a sesión a paleógrafa portuguesa Susana Tavares Pedro cun relatorio centrado na importancia da Paleografía no traballo de edición de textos medievais. Xunto esta, Ma. Dolores Sánchez Palomino e Gema Vallín, da Universidade da Coruña, referiranse á lírica francesa medieval, mentres que Manuel Ferreiro, tamén da Coruña, centrarase na lírica galego-portuguesa.
José Manuel Lucía Megías, profesor da Universidade Complutense de Madrid, é o autor dunha interesante panorámica sobre o problema das relacións entre o sistema da imprenta “tradicional” e as novas perspectivas que se abren ao abeiro dos novos coñecementos proporcionados polos medios dixitais.
O final desta primeira xornada de traballo reservouse para a presentación das actas do congreso organizado por profesores da mesma Área de Filoloxía Románica, celebrado tamén na USC en 2009. A editora do volume, Mariña Arbor Aldea, e Mercedes Brea, Ramón Mariño e Juan Blanco Valdés son os encargados de presentar a recente publicación, que pasou a formar parte dos anexos monográficos do anuario galego de filoloxía Verba.
Os traballos recollidos no volume amosan a continuidade dun labor científico que ten nos congresos internacionais unha insubstituíble ocasión de confronto e debate sobre o presente e o futuro da Filoloxía Románica.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 25.05.2010.