Pasar al contenido principal

Presentouse en Historia 'Piedra sobre agua. El monacato en torno a la Ribeira Sacra', un estudo de investigadores da USC

'Piedra sobre agua. El monacato en torno a la Ribeira' presentouse este xoves na Sala de Profesores de Xeografía e Historia
'Piedra sobre agua. El monacato en torno a la Ribeira' presentouse este xoves na Sala de Profesores de Xeografía e Historia
A publicación pertence á serie editorial Patrimonio Vivo da Fundación Pedro Barrié de la Maza

Os profesores Enrique Fernández Castiñeiras e Juan M. Monterroso Montero son os directores da publicación Piedra sobre agua. El monacato en torno a la Ribeira Sacra que recolle trece estudos realizados por catorce investigadores da Universidade de Santiago.
A obra, pertencente á serie editorial Patrimonio Vivo da Fundación Pedro Barrié de la Maza, presentouse este xoves na Facultade de Xeografía e Historia nun acto no que participaron o profesor Fernández Castiñeiras; o director da Fundación Pedro Barrié de la Maza, Javier López Martínez; a vicerreitora de Cultura da USC, Elvira Fidalgo Francisco; a vicedecana da Facultade, Carmen Rodríguez; e o director e director académico do Servizo de Publicacións da USC, Juan Blanco Valdés e Antonio Azaustre Galiana, respectivamente.
A obra analiza e ilustra algúns dos principais aspectos históricos, artísticos, patrimoniais e xurídicos do monacato na Ribeira Sacra. Para iso, e coa intención de poder construír unha imaxe complexa da realidade histórica e patrimonial da comarca nun capítulo tan significativo como o monacato, en particular os mosteiros Santo Estevo de Ribas de Sil e Santa María de Montederramo, o libro reúne en dous grandes bloques a súa esencia: a auga e a pedra.
A Ribeira SacraLa Ribeira Sacra é unha das comarcas máis singulares de Galicia. A conxunción de natureza, patrimonio artístico e cultural, fan dela un espazo único no que o tempo se demora entre gargantas e muros pétreos, onde a natureza rivaliza coas construcións do ser humano. É neste lugar privilexiado onde ten lugar o encontro entre a pedra e a auga; a pedra labrada e domada das fábricas monásticas e a auga que discorre imperturbable aos seus pés.
O libro é unha aproximación a este universo no que o monacato beneditino e cisterciense deixou unha pegada indeleble. A través de trece estudos monográficos, os catorce investigadores da Universidade de Santiago -na súa maioría vinculados ao grupo de investigación Iacobus-, debullan parte dos segredos conservados en conxuntos como San Estevo de Ribas de Sil, Santa María de Montederramo ou Santa Cristina de Ribas de Sil.
Patrimonio VivoA Serie Patrimonio Vivo da Fundación Pedro Barrié ten como obxecto conservar e divulgar unha parte moi valiosa do patrimonio cultural de Galicia (patrimonio arqueolóxico e natural, documental, actuacións museolóxicas e paisaxe cultural e territorio), promover o seu estudo e investigación e favorecer o seu coñecemento e difusión.
Outros títulos publicados nesta Serie Patrimonio Vivo son Reconstrución do Coro Pétreo do Mestre Mateo; Conxunto arqueolóxico-natural de Santomé: escavación, consolidación e musealización dun sector do castro; Rehabilitación do Museo Catedralicio e Diocesano de Mondoñedo; O Inventario da riqueza monumental e artística de Galicia de Anxo do Castelo e A Olaría de Galicia de Luciano García Alén.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 20.05.2010.