Pasar al contenido principal

Unha tese avalía as últimas novidades en aglomeración e compactación de partículas para o seu uso no agro e a gandería

O estudo terá aplicación no agro e a gandería

O aporte de calcio e magnesio natural, a mellora da estrutura do solo e da produción de cultivos e asimilación de fertilizantes son algunhas das vantaxes que achega a aplicación de carbonatos ao solo. Estas consideracións integran a tese de doutoramento que recentemente defendeu o doutor Pablo García Triñanes sobre ‘Avances en aglomeración e compactación de partículas’. Este traballo de investigación, cualificado con sobresaliente cum laude, valeulle ao seu autor a mención de ‘doctor europeus’.
Trátase dunha investigación eminentemente aplicada que aborda a aglomeración de carbonatos pulverizados de distinta natureza, con tamaños de partícula inferiores a 100 micras, dende un punto de vista tecnolóxico. Deste xeito, na tese realízase un estudo de caracterización, a avaliación das súas propiedades de fluxo e ensaios de comportamento baixo compresión uniaxial, o que permitiu obter información sobre as condicións óptimas para obter un granulado resistente e dunha porosidade adecuada para a súa idónea aplicación.
Ademais, incluíuse a análise de mesturas binarias co fin de mellorar as características do produto final e avaliar os efectos sinérxicos para favorecer as propiedades de granulación.
O traballo desenvolvido propón ademais un método novo para a avaliación da resistencia mecánica dos compactados formados, permitindo obter información sobre a dureza e a estrutura dun modo rápido, simple e con resultados reproducibles.
AntecedentesO traballo xorde como consecuencia de estudos previos orientados ao mercado de fertilizantes e emendas agrícolas, contando co financiamento do Programa de Tecnoloxías de Deseño e Produción Industrial da Xunta de Galicia e de CALFENSA PROYECTOS SL, empresa con ampla experiencia na comunidade galega na comercialización de emendas tanto inorgánicas como orgánicas e abonos especiais.
Fronte as súas cualidades, sendo máis reactivos os carbonatos pulverizados presentan limitacións relativas ao manexo, distribución e aplicación, así como, reticencias por parte dos consumidores principais (agricultores e gandeiros). Neste senso, García Triñanes sinala que a aglomeración mellora todos os puntos anteriores sen reducir sensiblemente a superficie específica e, por extensión, a reactividade necesaria para os efectos que se procuran.
Ademais, engade o autor do traballo, un produto granulado favorecería a mecanización na aplicación directa ao solo así como as propiedades de fluxo e transporte, a formación de mesturas non segregables, así como unha mellor distribución e dispoñibilidade.
Dirixiron o estudo os catedráticos de Enxeñaría Química Manuel Bao Iglesias e Juan José Casares Long, coa participación do Instituto de Cerámica de Galicia e a colaboración do Départament de Génie Chimique (Université de Technologie de Compiégne, Francia) e o Institut für Partikeltechnik (Technische Universität Braunschweig, Alemania).

Los contenidos de esta página se actualizaron el 25.05.2010.