Pasar al contenido principal

A Universidade de Santiago imponlle a Francisco Orallo a súa Insignia de Ouro a título póstumo

A Universidade de Santiago de Compostela renderalle unha homenaxe póstuma ao profesor Francisco Orallo Cambeiro, do Departamento de Farmacoloxía, falecido en decembro do pasado ano.
Orallo foi investigador principal de diversos proxectos de investigación, autor de numerosas comunicacións en revistas especializadas de recoñecido prestixio internacional e director de nove teses de doutoramento, ademais de referee de revistas de Farmacoloxía de recoñecida calidade científica e avaliador de proxectos de investigación na área de Farmacoloxía e Fisioloxía da ANECA. A súa traxectoria académica valeulle diversos galardóns como o Premio da Sociedade Española de Química Terapéutica, o de Investigación da Xunta de Galicia en Ciencias da Saúde ou o Premio Nacional de Farmacoloxía, entre outros. Recentemente a Facultade na que exercía como docente concedeulle, a título póstumo, a súa medalla pro meritis.
A cerimonia

Agora é a USC quen se suma a todos os merecidos recoñecementos ao que foi un profesor apreciado na Facultade de Farmacia. Precisamente é nese centro onde ás 11:30 horas o reitor Senén Barro Ameneiro lle entregará a Insignia de Ouro da institución ás irmás do homenaxeado, Gemma e Plácida Orallo Cambeiro, ambas licenciadas en Farmacia pola USC.
Nesa cerimonia intervirán o decano da Facultade, Juan José Torres Labandeira; o director do Departamento de Farmacoloxía, Luís Miguel Botana López; o membro do Grupo de Investigación ‘Farmacoloxía vascular e plaquetaria’ que coordinaba o profesor Orallo, Matilde Yañez Jato; e a presidenta da Asociación de Estudantes de Farmacia da USC e presidenta da Federación Española de Estudantes de Farmacia, Sara Serrano Estrada.
A continuación distintas persoas que coñeceron ao profesor finado participarán nunha mesa redonda, titulada ‘Paco Orallo: Visión humana e científica dun estudante e docente da USC’ acompañando ao decano da Facultade. O acto rematará cunha conferencia da catedrática de Farmacoloxía da Universidade de Valencia, María Jesús Sanz Ferrando.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 27.05.2010.