A incidencia do estres na saúde reúne en Santiago a expertos de todo o continente

O Laboratorio Estres e Neuroinmunoloxía (SNL Lennart Levi), que dirixe na Facultade de Medicina o profesor Manuel Freire-Garabal, desenvolve este xoves 27 e o venres 28 unha Conferencia Europea Sobre Promoción da Saúde e o Benestar no Traballo como continuidade dun ciclo de conferencias de ámbito europeo que se viñeron celebrando durante as presidencias británica e sueca da Unión Europea (UE), inspiradas na Estratexia de Lisboa e cuxo tema central é a Saúde Ocupacional.
A reunión consiste en dúas sesións consecutivas, unha de índole máis xeral sobre ‘Estres Laboral en Europa’, e unha segunda dedicada de xeito particular á ‘Estres Policial’, a desenvolver ambas as dúas na Fundación Caixa Galicia.
InauguraciónA cerimonia inaugural contou coa participación do profesor emérito de Medicina Psicosocial do Instituto Karolinska de Estocolmo, Lennart Levi, deputado do Parlamento Sueco e portavoz da comisión de Saúde Ocupacional do Partido de Centro; do director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo; a directora do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral, Adela Quinzá-Torroja; o membro da Asociación Unificada de Gardas Civís (AUGC) de Asturias, Miguel Ángel Iglesias; o secretario xeral da Federación de Comisarios do Sindicato Unificado de Policía, Mauricio Moya; o vicepresidente da Asociación dos Profesionais da Guarda Nacional Republicana de Portugal, Cesar Nogueira; e o profesor Freire-Garabal.
Estres laboralA continuación tivo lugar a sesión académica dedicada ao estres laboral. Comezaron os profesores Lennart Levi, falando sobre ‘Promoción da saúde, o benestar e produtividade no traballo-Facéndoo Posible’, e Manuel Freire-Garabal cunha reflexión arredor das repercusións do estrés sobre a saúde. Tamén participou Adela Quinzá cun relatorio sobre a situación en Galicia. Na tarde deste xoves en Sanxenxo os congresistas serán recibidos no Concello pola alcaldesa, Catalina González Bea, onde elaborarán a ‘Declaración de Sanxenxo sobre estres Laboral’ que será elevada á Comisión Europea polo profesor Levi, asesor en materia de saúde laboral de UE, como se fixo anteriormente en Suecia.
O estres é o segundo problema por orde de importancia en materia de saúde ocupacional e afecta ao 22 % dos traballadores da UE-27. O estres e outros factores psicosociais son as maiores preocupacións da saúde laboral, achegándose aos problemas tradicionais como o desemprego e a exposición aos axentes físicos, químicos e biolóxicos.
Os estudos indican que entre o 50 % e o 60 % das baixas laborais gardan relación co estres, o que representa de por si un enorme custo tanto en termos de sufrimento humano como de prexuízos económicos. Nos 15 estados membros da UE previa a 2004, o custo da tensión laboral e problemas relacionados era entre o 3% e o 4% do PIB, isto é, de aproximadamente 265.000 millóns de euros por ano. En 2002, o custo económico relacionado coa tensión laboral foi de 20.000 millóns de euros en absentismo laboral, ao que se suman os custos derivados da baixa produtividade, a rotación de postos de traballo e a pouca capacidade para innovar.
Estres policial
A segunda sesión, a deste venres 28 dedicada ao estres policial, será o comezo de actividades monográficas que continuarán nas seguintes presidencias da UE. En Santiago estarán presentes os representantes de EUROCOP, AUGC, SUP, policías autonómicas e locais. Estes profesionais explicarán as súas problemáticas e decidirán liñas de actuación futuras, que serán recollidas na ‘Declaración de Santiago sobre Estres Policial’ que, do mesmo xeito que a anterior, será transmitida á Comisión Europea a través de EUROCOP.
O Laboratorio Estres e Neuroinmunoloxía (SNL Lennart Levi) vén desenvolvendo actividades como centro de referencia para sindicatos policiais como AUGC na valoración e desenvolvemento de estratexias fronte ao estres en corpos policiais.
O traballo policial é xeralmente considerado como unha ocupación moi estresante, sendo identificada como a profesión psicoloxicamente máis perigosa en todo o mundo. Por esta razón, os investigadores avogan pola identificación precoz.