Pasar al contenido principal

A solución a problemas empresariais reais pode atoparse nos números

As Xornadas de Consulta Matemática para Empresas e Institución comezarán a vindeira semana a súa terceira edición reafirmándose na promoción da Matemática no entorno empresarial na busca activa de proxectos de investigación e desenvolvemento nos que este ámbito de coñecemento teña unha especial relevancia. O encontro comezará o vindeiro luns 8 e estenderase ata o mércores 10 no Salón de Graos da Facultade de Matemáticas da USC. A partir dunha serie de problemas formulados polas empresas, os participantes nas xornadas distribuiranse en grupos de traballo que deberán elaborar documentos sobre as cuestións que consideren pertinentes ata chegar á presentación de conclusións e a elaboración dun documento final. Con esta mecánica de traballo preténdese intensificar a I+D entre os grupos de investigación do proxecto Mathematica e os correspondentes ás industrias arredor de problemas susceptibles de tratarse con métodos matemáticos, estatísticos ou computacionais. Ademais, as xornadas abordarán a elaboración e actualización do mapa de demanda tecnolóxica. O programa desta edición contará coa participación das empresas Germaine de Capuccine, European Bulk Handling Installation e Tecnologías Avanzadas Inspiralia (ITAV). Ao longos dos tres días de encontro presentarán problemas tan diversos como o deseño de mostras entre varios extractos de poboación no sector cosmético profesional, a mellora na calidade das imaxes que axudan a controlar o proceso de descarga de minerais no sector naval ou a simulación numérica de tecidos biolóxicos.

A apertura oficial das xornadas celebrarase a partir das 10:00 horas baixo a presidencia do vicerreitor de Investigación e Innovación, Francisco González, e coa presenza ademais da subdirectora xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica Universitaria, Mª Jesús Tallón; da decana de Matemáticas, Victoria Otero; e da catedrática de Matemática Aplicada, Peregrina Quintela.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 05.11.2010.