A USC forma equipo para participar no circuíto de carreiras populares da cidade de Lugo

O 13 de novembro remata o prazo para inscribirse no equipo da USC do Campus de Lugo que participará no circuíto de carreiras populares ‘Corre con nós’ impulsado polo Concello de Lugo. Este grupo, xestionado dende o Servizo de Deportes da USC, estará formado por membros da comunidade universitaria, fillos e cónxuxes. A actividade para a vindeira tempada consta de oito probas que se celebrarán dende o mes de novembro ao de xuño a razón dunha carreira mensual. O responsable do servizo deportivo no Campus de Lugo, Jesús Castro, destaca o carácter lúdico e non tanto competitivo desta iniciativa que conta cun importante número de seguidores e cunha gran tradición na cidade. Trátase do quinto ano no que a universidade organiza un equipo propio coma o que o ano pasado formaban un total de 120 persoas, 65 nenos e 50 adultos. Precisamente a participación de grupos de todas as idades é unha mostra da universalidade do deporte das carreiras populares, segundo sostén Castro.
Para facer a inscrición é preciso darse de alta como usuario no Servizo de Deportes na páxina web da USC e despois comunicalo na Oficina de Deportes do Campus de Lugo. Os datos a enviar a dito departamento son o número do DNI, a data de nacemento, o número de teléfono, o enderezo electrónico e a talla pantalón e camiseta.
Grupo infantil do equipo da USC nunha das carreiras celebradas o pasado ano dentro da actividade Corre con nós