Recepción en Fonseca aos alumnos do programa Bolsas Europa da Universidade Francisco de Victoria
O reitor Juan Casares recibe este xoves 22 no Colexio de Fonseca aos cincuenta alumnos que están a participar no Programa Bolsas Europa da Universidade Francisco de Victoria. A recepción celebrarase a partir das 10:00 horas no Salón Nobre. A xornada continuará ás 11:30 horas coa asistencia á conferencia que o catedrático de Historia Medieval, Fernando López Alsina, pronunciará na Aula Magna da Facultade de Bioloxía titulada ‘ Santiago de Compostela: Catedral, Cidade, Ano Xubilar e Universidade’. Xa pola tarde, a partir das 16:30 horas asistirán a unha segunda conferencia no mesmo centro. O Programa Bolsas Europa da Universidade Francisco de Victoria ten como obxectivo premiar e potenciar o talento dos mellores expedientes de alumnos/as preuniversitarios de calquera punto de España, ofrecéndolle a oportunidade de acadar un coñecemento profundo e comprometido do que significa ser universitario na Europa actual. Os promotores do programa buscan así fomentar a creación de redes europeas de líderes universitarios e o debate sobre o sentido da universidade e o seu compromiso coa mellora da sociedade.
Este ano seleccionáronse, despois dun proceso especialmente esixente, medio centenar de alumnos que, acompañados de cinco profesores universitarios e outros tantos alumnos da Universidade Francisco de Vitoria, emprenden unha viaxe de tres semanas polas principais universidades europeas (Bolonia, Heidelberg, Paris,…) participando nun intenso programa de conferencias, grupos de debate e encontros con personalidades de primeiro nivel, procedentes do mundo universitario, cultural, político e empresarial.