Pasar al contenido principal

O campamento matemático MatCampus 2010 remata as súas actividades

O campamento matemático MatCampus, no que participaron corenta rapaces e rapazas de Galicia e Portugal, remata este venres 30 nunha xornada de clausura que comezará ás 17:00 horas na Aula Magna da Facultade de Matemáticas. O programa de actividades destes últimos quince días botará o peche coa representación da obra ‘Innúmeros Números’, a cargo dos actores César Goldi e Vicente de Souza. É un show composto de números de maxia, stan up ou musicais, entre outros. Todos eles están relacionados coas matemáticas e os matemáticos e cos recursos necesarios para o seu estudo e comprensión. MatCampus 2010 comprendeu charlas, obradoiros, visitas científicas, música, papiroflexia, teatro..., iniciativas dirixidas a estimular as actitudes positivas e as habilidades especiais dos participantes cara ás Matemáticas. Estaba dirixido a estudantes de 1º de Bacharelato -entre 16 e 17 anos- de todos os centros de ensino medio de Galicia e Portugal. O alumnado galego, 11 rapazas e 10 rapaces, escolleuse polas súas aptitudes para as matemáticas entre as múltiples solicitudes remitidas, pertencendo ás localidades de A Coruña, Silleda, Redondela, Padrón, Feáns, Vigo, Monforte, Lugo, Santiago, Chantada e O Grove. Modelo de referencia europeo Con esta iniciativa, a Universidade de Santiago de Compostela, a Universidade do Minho (Braga, Portugal) e o Centro Internacional de Matemática (Portugal) queren establecer unha colaboración internacional que poida servir de referencia como modelo europeo de campus matemáticos para xuventude noutros países ou rexións, consolidando así a Galicia e Portugal no panorama europeo da educación matemática.

O apoio económico para este evento en Santiago estivo garantido pola Xunta de Galicia a través da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado e a Secretaría Xeral de Igualdade, a Fundación Caixa Galicia, o Departamento de Educación do Concello de Santiago e a Asociación de Ensinantes de Ciencias de Galicia. Ademais, a actividade conta co aval científico da Real Sociedad Matemática Española, a Sociedad Española de Matemática Aplicada, a Sociedad de Estadística e Investigación Operativa e a Sociedade Galega para a Promoción da Estatística e da Investigación de Operacións.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 29.07.2010.