Expertos en biotecnoloxía da Oficina Europea de Patentes visitaron a USC
Un grupo de examinadores da Oficina Europea de Patentes (EPO) visita estes días empresas e institucións galegas, entre elas a USC. A delegación está encabezada polo director de área de biotecnoloxía na Haya, Enrique Molina Galán, ao que acompañan outros dos examinadores da cidade holandesa e tres máis da oficina de Múnic. A visita á USC comezou na Facultade de Bioloxía cunha sesión formativa sobre a patentabilidade de invencións biotecnolóxicas que, organizada polo Centro de Innovación e Transferencia de Tecnoloxía da USC e BIC Galicia, tratou de achegar coñecementos específicos deste campo a investigadores, empresarios e outros profesionais do sector. A apertura correu a cargo do vicerreitor de Investigación da USC, Francisco González García, acompañado polo director do Instituto de Dereito Industrial da USC, Ángel Fernández-Albor Baltar, e do director asociado do CITT, José Luis Villaverde. Na sesión abordáronse temas de grande actualidade e transcendencia na crecente industria biotecnolóxica como a patentabilidade de secuencias xénicas, proteínas, biomarcadores e anticorpos. Tamén se tratou o controvertido campo da patentabilidade das células nai e o papel do Grupo Europeo de Ética (EGE) da Comisión para avaliar os aspectos vinculados á biotecnoloxía. Na mesa redonda presidida polo catedrático de Dereito Mercantil e membro da Academia Europea de Patentes, José Antonio Gómez Segade, os asistentes interesáronse por cuestións como a patentabilidade de plantas e animais modificados xeneticamente. Nos vindeiros días a delegación da EPO visitará grupos de investigación da Universidade de Santiago, o Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnopole) e empresas galegas no ámbito da biotecnoloxía en diferentes localidades de Galicia. A EPO
A Oficina Europea de Patentes permite, cun único procedemento, obter un título de patente que pode ser validado en 37 países europeos, un mercado de 500 millóns de habitantes. Esta institución, non pertencente á Unión Europea, finánciase coas taxas dos seus servizos e nela traballan 7.000 persoas, das cales 4.000 son examinadores de patentes e, en particular, 260 en biotecnoloxía. A maior parte das solicitudes de patente europea proceden de Estados Unidos (25%), e entre os estados membros do Convenio da Patente Europea destacan Alemaña cun 18% das solicitudes e Francia cun 6%, mentras que España non alcanza o 2 %.
A sesión contou cunha mesa redonda que presidía o profesor Gómez Segade