Pasar al contenido principal

Quen dixo que as mates non son para o verán?

A Facultade de Matemáticas será unha das sedes do MatCampus 2010
A Facultade de Matemáticas será unha das sedes do MatCampus 2010

Corenta rapaces e rapazas de Galicia e Portugal convivirán durante quince días, do 18 ao 31 de xullo, nun campamento matemático en Braga (Portugal) e Santiago de Compostela. Charlas, obradoiros, visitas científicas, música, papiroflexia, teatro..., todo un mundo de actividades dirixidas a estimular as actitudes positivas e as habilidades especiais dos participantes cara ás Matemáticas. O MatCampus 2010 diríxese a estudantes de 1º de Bacharelato -entre 16 e 17 anos- de todos os centros de ensino medio de Galicia e Portugal. O alumnado galego, 11 rapazas e 10 rapaces, escolleuse polas súas aptitudes para as matemáticas entre as múltiples solicitudes remitidas, pertencendo ás localidades de A Coruña, Silleda, Redondela, Padrón, Feáns, Vigo, Monforte, Lugo, Santiago, Chantada e O Grove. Programa completo en Santiago As dúas semanas de campamento repartiranse primeiro en Braga (Portugal) e logo –a partir do 26 de xullo- en Santiago de Compostela, sede esta última na que as sesións da mañá se dedicarán a conferencias, obradoiros e actividades científico-pedagóxicas na Facultade de Matemáticas e no CIEF da Fundación Caixa Galicia. Como exemplo destacado, participarán o director do Instituto de Medicina Legal da USC, Ángel Carracedo, cunha charla sobre matemáticas e xenética, e o reitor da Coruña, José María Barja, cun obradoiro sobre calendarios. As quendas de tarde en Santiago destinaranse a visitas a lugares de interese científico como o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), o Observatorio Astronómico Ramón María Aller, a empresa Castrosua, os museos científicos de A Coruña e un paseo matemático pola cidade de Santiago. O campamento rematará a tarde do venres 30 de xullo coa representación, aberta ao público xeral, da obra Innumeros, Números dos actores Cesar Goldi y Vicente de Souza Modelo de referencia europeo A Universidade de Santiago de Compostela, a Universidade do Minho (Braga, Portugal) e o Centro Internacional de Matemática (Portugal) queren establecer unha colaboración internacional que poida servir de referencia como modelo europeo de campus matemáticos para xuventude noutros países ou rexións, consolidando así a Galicia e Portugal no panorama europeo da educación matemática. O apoio económico para este evento en Santiago está garantido pola Xunta de Galicia a través da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado e a Secretaría Xeral de Igualdade, a Fundación Caixa Galicia, o Departamento de Educación do Concello de Santiago e a Asociación de Ensinantes de Ciencias de Galicia. Ademais, a actividade conta co aval científico da Real Sociedad Matemática Española, a Sociedad Española de Matemática Aplicada, a Sociedad de Estadística e Investigación Operativa e a Sociedade Galega para a Promoción da Estatística e da Investigación de Operacións.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 14.07.2010.