Pasar al contenido principal

Comezan no Paraninfo as III Leccións Xacobeas na USC

O reitor Juan Casares, no centro, presidiu o acto inaugural
O reitor Juan Casares, no centro, presidiu o acto inaugural

As dúas primeiras edicións das ‘Leccións Xacobeas na USC ‘ espertaron entre os integrantes da comunidade universitaria o interese polos estudos e investigacións xacobeas, enchendo un baleiro e participando dun fenómeno que ten xerado congresos, publicacións e liñas de investigación. A edición de 2010, ademais de contar coa comunidade científica e estudantil, ábrese a todas aquelas persoas interesadas pola cultura xacobea, lema este último do encontro que celebra entre os días 20 e 23 de xullo no Paraninfo da Universidade, na Facultade de Xeografía e Historia. A inauguración celebrouse este martes 20 presidida polo reitor Juan Casares, ao que acompañaron o xerente do Xacobeo, Ignacio Santos; o deán da catedral de Santiago, José Mª Díaz; o presidente da Asociación Galega de Amigos do Camiño de Santiago, José de la Riera; e o director do curso, Miguel Taín. Ademais da participación de profesores da USC como relatores, o programa inclúe a intervención de recoñecidas personalidades da investigación, do mundo da cultura e da comunicación audiovisual, tanto no plano nacional como internacional. Nesta primeira xornada, o primeiro en intervir foi o conservador do patrimonio Humbert Jacomet que pronunciou a conferencia ‘Os camiños de Santiago. Historia e sentido dun renacemento’. Deseguido, Vicenza Maria Berardi, doutora en Historia Medieval pola Universidade de Lecce, falou sobre ‘Os sermóns do Codex Calixtinus: unha clave de lectura do culto xacobeo’. A catedrática de Historia da Arte da Universidade de Ben Gurion de Israel, Avital Heyman, tomou a palabra a continuación para analizar ‘Os dous Santiagos da Catedral armenia de Xerusalén’.

Pola tarde, a partir das 17:30 horas, o catedrático de Historia da Arte da USC, Xosé Manuel García Iglesias, disertará sobre ‘O culto apostólico na cidade de Santiago de Compostela’. Logo será a quenda do profesor de Historia Medieval da USc José Andrade Cernadas co relatorio ‘ Existiu realmente a hospitalidade co peregrino na Idade Media?’. Pechando esta primeira xornada, o xefe da Área de Exposicións do Xacobeo da Xunta de Galicia, Francisco Singul, falará sobre a relación de Santiago e os seus camiños coa cosmovisión da peregrinación occidental.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 19.07.2010.