Inaugúranse o luns doce cursos de verán da Universidade de Santiago
A USC inaugura este luns doce cursos de verán que se impartirán ao longo da vindeira semana en distintas localidades galegas. Concretamente, 5 en Santiago e os outros en Lugo, Sarria, Ordes, Vilagarcía de Arousa, Caldas, Muros e Foz. Campus de Santiago Ás 9:30 horas na Aula Magna da Facultade de Química inaugurarase oficialmente o curso ' O medioambiente en Galicia. Unha visión multidisciplinar'. Na apertura participarán o comisionado da USC para as Ciencias da Saúde, Manuel Macía Cortiñas; a concelleira de Educación de Santiago, Mercedes Rosón; o decano de Química, Ramón Estévez Cabanas; e os directores do curso, José Manuel Vila e Susana López. Media hora máis tarde inauguraranse en Santiago outros tres cursos. ' O turismo en Galicia: pequenos mercados e grandes nichos' será no Salón de Graos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais coa asistencia do vicerreitor de Cultura, Javier Garbayo; da secretaria xeral de Turismo, Carmen Pardo; e do director do curso, Gonzalo Rodríguez. A apertura de ‘ Textos científicos: LaTeX’ será na Facultade de Matemáticas, mentres que a de ‘ A reforma do Financiamento Local’ terá lugar no Salón de Actos da Facultade de Dereito coa asistencia do conselleiro de Presidencia, a secretaria xeral da USC e o director do curso, o catedrático de Dereito Financeiro e Tributario, César García Novoa. Por último, ás 16:45 horas inaugurarase no Salón de actos do Colexio de Avogados de Santiago de Compostela o curso de verán ' Dereito e saúde: a protección xurídica do persoal sanitario e dos pacientes'. Asisten ao acto os decanos dos colexios de avogados e de procuradores, Evaristo Nogueira Pol e Soledad Sánchez Silva; o director da EGAP, Pablo Figueroa Dorrego; a subdirectora da E.U. de Enfermería da USC, Ana Isabel Silveira Rodríguez; e representantes dos colexios oficiais de médicos e de enfermaría da Coruña. Campus de Lugo O curso de verán ‘ Os alimentos e os medicamentos: como interaccionan?’ inaugurarase ás 8:30 horas no Auditorio da Facultade de Veterinaria coa presenza do vicerreitor de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo, Pedro García Herradón; dos profesores e directores do seminario, Alberto Cepeda Sáez e Carlos Manuel Franco Abuín; e da deputada provincial, Raquel Polín García. Especialistas da sanidade e nutrición de toda España analizarán nestas xornadas, para as que se solicitou o recoñecemento como acto científico de interese sanitario pola Consellaría de Sanidade, as interaccións entre os nutrintes e os fármacos afondando naquelas que se derivan das novas tendencias en alimentación. Sarria Dentro do Campus de Verán de Sarria comeza o curso ‘ O desenvolvemento económico da zona centro-sur da provincia de Lugo: sectores forestal, agropecuario e de servizos’. Inaugurarase ás 9:30 horas no Salón de Plenos do Concello coa asistencia dos profesores e directores do curso, José Federico García Fernández e Manuel Gómez Díaz; o alcalde de Sarria, Claudio Garrido Martínez; e o concelleiro de Cultura, Xermán Arias López. Foz Na Casa da Cultura de Foz terá lugar ás 11:00 horas a apertura do curso ‘ A educación e a Idade de Prata: España-Galicia’ coa asistencia do vicerreitor adxunto de Investigación e Innovación, Pablo Ramil Rego; o alcalde do Concello de Foz, José María García Rivera; e o catedrático de Historia da Educación da USC e director do actividade, Eugenio Otero Urtaza. Ordes En Ordes comeza o curso ' Xestión integral de residuos en Galicia ‘, dirixidopor Francisco José Peña Castiñeira, e que será inaugurado ás 10:00 horas no Salón de Actos do Museo do Traxe Juanjo Liñares Vilagarcía de Arousa O curso de verán ' É posible outra economía? A economía ecolóxica: aspectos conceptuais e aplicacións', dirixido por Xoán Ramón Doldán García e María Luísa Chas Amil, será inaugurado en Vilagarcía ás 10:00 horas no Auditorio Municipal. Caldas de Reis A Universidade de Santiago inaugurará ás 10:00 horas en Caldas o curso de verán ' A inmigración en Galicia: os concellos como axentes de integración'. Asisten á apertura o vicerreitor de Estudantes e Formación Continua, Francisco Durán; o alcalde Xose. M. Rey Rey; a directora do Instituto da Muller, Laura Seara Sobrado; o subdirector xeral do retorno e da inmigración da Secretaría da Emigración da Xunta de Galicia, Antonio Aguarón Turrientes; e a directora do curso, Mar Lorenzo. Muros Por último, tamén ás 10:00 horas pero noAuditorio Municipal de Muros, será a inauguración do curso de verán ' Muller, home e violencia de xénero. Tratamento actual e posibles solucións'.