O curso de especialista en Seguridade Social alcanza a súa terceira edición
O curso de especialista en Seguridade Social desenvolverá no primeiro semestre de 2011 a súa terceira edición, unha acción formativa organizada pola USC, co respaldo do Ministerio de Traballo, a Consellaría de Traballo, a Tesourería Xeral da Seguridade Social, o Instituto Nacional da Seguridade Social e o Instituto Social da Mariña. O seu obxectivo é formar aos asistentes na materia de Seguridade Social dun xeito extensivo para que poidan desenvolverse con seguridade na súa actividade profesional, ben por conta propia ou allea. O período de preinscrición estenderase ata o próximo 31 de outubro e poderase formalizar na Área de Dereito do Traballo da USC na Facultade de Dereito ou mesmo na sede do Instituto Social da Mariña na Coruña. Deseguido, abrirase a matrícula, entre o 1 de novembro e o 12 de xaneiro de 2011. Profesores das tres universidades galegas, maxistrados, inspectores e funcionarios das entidades xestoras impartirán as distintas sesións prácticas e teóricas. O programa docente do curso articúlase ao redor de dez bloques temáticos nos que, partindo dunha introdución ao Dereito do Traballo, se prestará atención á evolución histórica e fontes do sistema da Seguridade Social (SS), ámbito de aplicación e xestión da SS, ámbitos de encadramento e réxime económico ou prestacións do réxime xeral e dos réximes especiais. Tamén analizaranse outros temas como as prestacións non contributivas, a seguridade social complementaria, a tutela administrativa e xudicial ou a normativa comunitaria e convenios internacionais relativos á SS.
Para acadar máis información sobre este posgrao, as persoas interesadas poden dirixirse á profesora Lourdes Mella. As clases celebraranse do 13 de xaneiro de 2011 ao 17 de xuño, os xoves e venres, en horario de 16:00 a 21:00 horas na Facultade de Dereito.