Pasar al contenido principal

Mohamed ElBaradei, Nobel da Paz polo seu traballo en contra das armas nucleares, estará en Santiago a vindeira semana

Participará no Programa ConCiencia e recollerá o Premio Internacional Grupo Compostela-Xunta de Galicia

O diplomático exipcio Mohamed ElBaradei (1942, El Cairo), Premio Nobel da Paz no ano 2005, achegarase este luns, día 20, a Santiago de Compostela para participar no Programa ConCiencia de divulgación científica e recoller o Premio Internacional Grupo Compostela-Xunta de Galicia. A este diplomático exipcio recoñéceselle o seu esforzo por impedir a proliferación de armas nucleares, un asunto que o levou a criticar publicamente a Declaración das Azores que derivou na invasión de Iraq de 2003. ElBaradei estaba seguro da nula ou mínima capacidade dese país para fabricar armas nucleares. Mohamed ElBaradei Da súa carreira profesional destacan diversos postos diplomáticos en Ministerios e Organizacións Internacionais. En 1984 converteuse en membro da Secretaría da Axencia Internacional de Enerxía Atómica (IAEA), exercendo primeiro como asesor legal e de 1997 a 2009 como director xeral. Durante os seus mandatos xogou un papel clave na intermediación e inspección de armas de destrución masiva en Iraq e no control do armamento nuclear de Irán. Por esa razón en 2005 a Academia sueca concedeulle o Premio Nobel, premiando "os seus esforzos para evitar que a enerxía nuclear sexa usada con fins militares e asegurarse de que o faga con fins pacíficos da maneira máis segura". Axenda O Nobel comezará a súa visita o luns 20 cunha recepción do reitor Casares en San Xerome, ás 10:30 horas no seu despacho, para logo ofrecer –ás 11:15 horas na Sala de Prensa do Colexio de Fonseca- unha rolda de prensa aos medios de comunicación na que intervirán o propio ElBaradei; o reitor da USC; o presidente do Grupo Compostela, Maurits van Rooijen, e o director do Programa ConCiencia, Jorge Mira. Xa pola tarde, ás 18:30 horas no Centro Sociocultural da Fundación Caixa Galicia, pronunciará unha conferencia sobre o futuro da enerxía nuclear, como é habitual na programación de ConCiencia. Esta intervención poderá seguirse en Lugo, na Sala de Prensa da Vicerreitoría de Coordinación, a través de videoconferencia. Os actos do Nobel ese día rematarán ás 20:30 horas no Salón Nobre do Colexio de Fonseca coa recepción do XIV Premio Internacional Grupo Compostela-Xunta de Galicia, que o xurado lle concedeu en recoñecemento á súa carreira diplomática a cargo de diversos asuntos de índole política, legal e de defensa da paz. O premiado, sinalaba o xurado na acta, destaca tamén pola súa loita “a favor dun uso racional da enerxía nuclear, nun entorno pacífico”.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 17.09.2010.