Pasar al contenido principal

O Nobel da Paz Mohamed ElBaradei, en Santiago a vindeira semana

Participará no Programa ConCiencia e recollerá o Premio Internacional Grupo Compostela-Xunta de Galicia

Mohamed ElBaradei, Premio Nobel da Paz 2005, achegarase a Compostela a vindeira semana para participar no Programa ConCiencia de divulgación científica e recoller o Premio Internacional Grupo Compostela-Xunta de Galicia. Mohamed ElBaradei ElBaradei é licenciado en Dereito pola Universidade do Cairo e doutor na mesma materia pola New York School of Law. Ao longo da súa carreira destacan os seus postos diplomáticos en diversos Ministerios e Organizacións Internacionais. En 1984 converteuse en membro da Secretaría da IAEA, exercendo primeiro como asesor legal e máis tarde como Asistente Director Xeral para as relacións externas. É tamén membro da Asociación de Dereito Internacional e da Sociedade Americana de Dereito Internacional. ElBaradei foi de 1997 a 2009 director xeral da Axencia Internacional da Enerxía Atómica. Durante os seus mandatos xogou un papel clave na intermediación e inspección de armas de destrución masiva en Iraq e no control do armamento nuclear de Irán. Por esa razón en 2005 a Academia sueca concedeulle o Premio Nobel, premiando "os seus esforzos para evitar que a enerxía nuclear sexa usada con fins militares e asegurarse de que o faga con fins pacíficos da maneira máis segura". Axenda O Nobel comezará a súa visita o luns 20 cunha recepción do reitor Casares en San Xerome, ás 10:30 horas no seu despacho, para logo ofrecer –ás 11:30 horas na Sala de Prensa do Colexio de Fonseca- unha rolda de prensa aos medios de comunicación na que intervirán o propio ElBaradei; o reitor da USC; o presidente do Grupo Compostela, Maurits van Rooijen, e o director do Programa ConCiencia, Jorge Mira. Xa pola tarde, ás 18:30 horas no Centro Sociocultural da Fundación Caixa Galicia, pronunciará unha conferencia sobre o futuro da enerxía nuclear, como é habitual na programación de ConCiencia. Esta intervención poderá seguirse en Lugo, na Sala de Prensa da Vicerreitoría de Coordinación, a través de videoconferencia. Os actos do Nobel ese día rematarán ás 20:30 horas no Salón Nobre do Colexio de Fonseca coa recepción do XIV Premio Internacional Grupo Compostela-Xunta de Galicia, que o xurado lle concedeu en recoñecemento á súa carreira diplomática a cargo de diversos asuntos de índole política, legal e de defensa da paz. O premiado, sinalaba o xurado na acta, destaca tamén pola súa loita “a favor dun uso racional da enerxía nuclear, nun entorno pacífico”.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 16.09.2010.