Pasar al contenido principal

O Consello de Goberno da USC aproba os criterios e o calendario para a elaboración da Planificación Académica Anual de 2011-2012

O Consello de Goberno da USC celebrou este mércores en San Xerome a súa derradeira xuntanza do ano tratando, entre outros asuntos, os criterios e o calendario para a elaboración da Planificación Académica Anual (PAA) do vindeiro curso 2011-2012. Para o establecemento dos criterios foi necesario considerar o actual contexto económico no que deberá desenvolver a súa actividade a USC así como as directrices que marcan as leis da administración autonómica e central en relación co axuste orzamentario e o financiamento do que disporá a USC nos vindeiros anos. Para realizar a PAA deberán terse en conta, á vista do documento aprobado, o profesorado e a súa dedicación docente; as estimacións de alumnos para cada materia e definir o módulo de grupo; definir o procedemento de encargo docente; e os recoñecementos que se poidan efectuar, en función dos recursos, e en relación co rendemento investigador e de coordinación docente. O Consello de Goberno tamén aprobou as bases para a convocatoria de axudas á escolarización de menores de 3 anos no Campus de Lugo. A posta en marcha do programa pretende fomentar o equilibrio entre o persoal dos dous Campus, polo que os criterios en canto a número de axudas, contía, criterios de acceso e requisitos para ser beneficiarios son análogos aos utilizados para a Escola Infantil Breogán do Campus compostelá. Trátase dunha iniciativa que a USC desenvolve no marco do seu compromiso institucional coas accións de responsabilidade social e das políticas activas de conciliación da vida laboral coa persoal e familiar de todos os membros da comunidade universitaria. Entre os acordos deste órgano de goberno, na sesión deste mércores, está a avaliación da actividade investigadora do profesorado contratado doutor correspondente á convocatoria 2009, co recoñecemento de sexenios para un total de 51 docentes. Ademais, tamén se trataron prazas de PDI, e aprobáronse as modificacións da Relación de Postos de Traballo (RPT) do PAS e a política de prevención de riscos laborais. Outros puntos Nesta xuntanza tratouse tamén a renovación de comisións do Consello, a convocatoria da Comisión de Desenvolvemento Estatutario, a modificación e aprobación de titulacións de másteres universitarios, a modificación da normativa do Centro de Posgrao e da normativa da Comisión Xeral de Validacións e Recoñecementos , así como da adscrición de materias e áreas de coñecemento.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 23.12.2010.