Pasar al contenido principal

Investigadores da USC acaparan os premios de Investigación 2010 da Real Academia Galega de Ciencias

O Premio de Investigación 2010 e o de investigadores mozos da Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) foron parar ambos os dous a investigadores da USC. Os galardóns acábanse de entregar nun acto celebrado este xoves na sede da Academia. No primeiro caso, o traballo científico galardoado co Premio de Investigación 2010 abre unha vía alternativa aos tratamentos con antibióticos e aos problemas que se derivan do seu uso na loita contra as bacterias que provocan infeccións nos seres humanos e tamén noutras especies animais. Trátase da liña de investigación de Ana Mª Otero e Manuel Romero, do Departamento de Microbioloxía e Parasitoloxía da USC. A RAGC tamén entregou o galardón correspondente ao Premio 2010 de investigadores novos, concedido a un proxecto que desvela novos factores para que as predicións meteorolóxicas e climáticas sobre a Península Ibérica sexan realmente fiables. Lucia Gestal, Alberto Martínez e Alexandre Ríos, do Departamento de Física da Materia Condensada, son os promotores do premio na súa categoría para investigadores menos de 28 anos. Antibióticos No seu proxecto ‘Interceptación de sinais de comunicación bacteriana en bacterias illadas do medio mariño’, Ana Mª Otero e Manuel Romero propoñen unha vía alternativa á eliminación dos patóxenos mediante antibióticos: actuar sobre os procesos de comunicación que establecen entre eles para organizarse e atacar, desactivando así as posibilidades que teñen de infectar o organismo e permitindo que sexan eliminados polas defensas naturais do corpo. Esta investigación, segundo explicaron os autores do traballo, é un exemplo de traballo de ciencia básica que, aínda sen dar lugar a resultados de aplicación práctica directa, é portador dun elevado potencial tecnolóxico para a industria farmacéutica. Investigadores novos Lucía Gestal Souto, Alberto Martínez de la Torre e Alexandre Ríos Entenza, do Departamento Física da Materia Condensada da USC, fixéronse co Premio de Investigación 2010 investigadores novos co traballo ‘O papel das augas freáticas nas interraccións terra-atmósfera, no clima e no réxime pluviométrico da Península Ibérica’.

O proxecto premiado investiga o papel das augas subterráneas, un factor ata o de agora ignorado nos estudos sobre a dinámica das precipitacións e a súa repercusión no clima. O traballo deste equipo da USC, centrado sobre a Península Ibérica, desvela que a infiltración e almacenamento de augas no subsolo provoca, como resultado das interaccións entre a terra e a atmosfera, un grao maior de incidencia das precipitacións. Neste senso, incorporar a dinámica das augas subterráneas aos modelos meteorolóxicos e climáticos permitirá mellorar a fiabilidade das predicións meteorolóxicas e climáticas, en particular no relativo á precipitación no interior da Península Ibérica.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 03.12.2010.