Pasar al contenido principal

Profesionais e investigadores analizarán en Lugo o comportamento animal no Congreso Nacional de Etoloxía Veterinaria

A USC e o Rof Codina organizan o encontro xunto coa Sociedade Ibérica de Etoloxía Clínica e Benestar Animal

Expertos, investigadores e profesionais veterinarios falarán esta fin de semana do comportamento animal no Congreso Nacional SIEBCA de Etoloxía Veterinaria que se desenvolverá no Campus de Lugo. O encontro, que se centrará na Aprendizaxe e Técnicas de Motivación na Terapia de Modificación de Conduta terá lugar os días 10 e 12 no auditorio da Facultade de Veterinaria.

O Congreso está dirixido fundamentalmente a veterinarios e estudantes que se achegarán ao comportamento de cans e gatos, pero tamén dalgunha outra especie, e farano sobre todo dende o punto de vista das patoloxías. O departamento de Ciencias Clínicas Veterinarias e o de Fisioloxía Animal son os encargados da organización xunto co Hospital Veterinario Unviersitario Rof Codina e a Sociedade Ibérica de Etoloxía Clínica e Benestar Animal ( SIEBCA). O Congreso abrirase cunha conferencia sobre as bases da aprendizaxe dende a base neuronal ata os exemplos con coñecidas técnicas de modificación de conduta. Neste mesmo contexto os participantes coñecerán o proxecto CanCiencia, un programa galego de prevención de ataques caninos centrado no traballo sobre os nenos. O encontro tamén contará con obradoiros interactivos en temáticas como as clases de cachorros ou o método de adestramento Cliker. Abordarase, por outra parte, o chamado Síndrome de Disfunción Cognitiva, que segundo os investigadores da USC pode afectar ao 22% da poboación xeriátrica canina, e que é coñecido coma o Alzheimer dos cans. A influenza da nutrición sobre o comportamento ou os problemas de conduta nas psitácidas son outros dos aspectos do congreso etolóxico, así coma o problema da agresividade canina. Ao acto inaugural, que terá lugar o venres ás 16:00 horas, asistirán o vicerreitor de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo, Pedro García Herradón, un membro do equipo decanal da Facultade de Veterinaria, o director do departamento de Ciencias Clínicas Veterinarias, Andrés Barreiro, o xerente do HVU Rof Codina, Luis Felipe de la Cruz, e o presidente da SIEBCA, Javier Astorga.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 09.12.2010.