Pasar al contenido principal

O xurado do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural reúnese esta semana en Lugo

O fallo do Premio, impulsado pola empresa Aresa e a USC, recoñece o traballo no eido da investigación e o desenvolvemento da economía rural

O xurado do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural que promoven a USC e o grupo lugués Aresa, dará a coñecer este venres, 17 de decembro, o nome do gañador da decimo primeira edición, de entre todas as persoas e colectivos que teñan presentado as súas candidaturas por traballos de investigación, iniciativas emprendedoreas ou traxectorias. O fallo do premio, ao que concursan un total de nove candidaturas, terá lugar durante a reunión que se celebrará este venres na Vicerreitoría de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo.

O Premio Aresa ao Desenvolvemento Rural, dotado con dez mil euros recoñece e incentiva o I+D nos eidos agrícola e gandeiro como elementos fundamentais cara a mellorar a calidade de vida e o benestar das persoas que traballan na zona rural galega, con especial atención ás particularidades da economía luguesa, dando prioridade á sutentabilidade dos recursos naturais e o respecto á natureza. O xurado deste ano está composto polo reitor da USC, Juan Casares Long; o presidente de Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras, o vicerreitor de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo, Pedro García Herradón; o director xeral de Nanta, Francisco Irazusta Rodríguez e o vicerreitor de Investigación da Universidade de Murcia, Juan María Vázquez Rojas. Once anos de traxectoria O Premio Aresa de Desenvolvemento Rural naceu no ano 2000 por iniciativa do presidente da corporación coa intención de favorecer o desenvolvemento e a promoción do medio rural galego. Nesta aventura colleu da man á Universidade de Santiago de Compostela, vinculada ó sector labrego polas múltiples titulacións relacionadas coa agricultura, a silvicultura e a gandería que ofrece. Os once anos de traxectoria fan del un certame recoñecido e asentado na sociedade galega e no sector profesional ao que se dirixe, acadando gran importancia pola súa permanencia, polos currículos dos premiados en todas as edicións e pola dotación económica. O grupo empresarial Ingapan de Lugo foi o premiado da pasada edición polo traballo desenvolvido no avance da alimentación e da agricultura en Galicia.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 14.12.2010.