Pasar al contenido principal

O Museo Casa da Troia presenta unha edición conmemorativa do ano xubilar 2010 da novela homónima de Pérez Lugín

O reitor Juan Casares, en calidade de presidente do Padroado do Museo, realizou esta mañá unha visita ao Museo Casa da Troia
O reitor Juan Casares, en calidade de presidente do Padroado do Museo, realizou esta mañá unha visita ao Museo Casa da Troia
O reitor Juan Casares, en calidade de presidente do Padroado do Museo, realizou esta mañá unha visita e destacou os máis de 4.000 visitantes recibidos nos últimos cinco meses

O Museo Casa da Troia recibiu esta mañá a visita do reitor da USC, Juan Casares, quen valorou positivamente as visitas recibidas polo museo, máis de catro mil en cinco meses. No transcurso desta visita do reitor e presidente do Padroado do Museo Casa da Troia, presentouse unha edición conmemorativa do ano xubilar 2010 da novela La casa de la Troya, de Alejandro Pérez Lugín, que inclúe un limiar póstumo do mecenas e impulsor do edifico romántico, Benigno Amor Rodríguez. Da edición, en rústica, tiráronse setecentos cincuenta exemplares, que se poden mercar no propio museo ao prezo de doce euros. Benigno Amor Rodríguez (Santiago, 1937-2009) resaltou no seu texto que o museo é a obra dun grupo de nostálxicos “que quixemos perpetuar no vello caserón a pensión que, para o estudante, foi a prolongación da súa casa en Compostela”. O Camiño Novo, a Universidade e o Museo ocupan unhas liñas nas que lembra aos seus amigos Moncho Vilas e Luis Fernández, e os seus partidos de fútbol na Residencia (hoxe Campus Vida); así como aos seus “ilustres mestres” na facultade de Dereito, D’Ors, Menéndez ou Remuñán, entre outros. O fillo maior de Amor Rodríguez, Benigno Amor Barreiro, tivo palabras de agarimo e agradecemento para seu pai durante a presentación aos medios de comunicación, “meu pai sería moi feliz hoxe collendo esta edición da novela entre as súas mans, lendo o que el escribiu e véndose case como un personaxe máis do mítico relato de Pérez Lugín. Porque a única afección que tivo na súa vida foi o mundo troiano, a vida universitaria e a cidade compostelá”. Concluíu afirmando que esta edición “é a nosa homenaxe a Benigno Amor Rodríguez pola herdanza que deixou a Santiago”. No acto tamén se anunciou unha xornada de portas abertas (visitas gratuítas) para o mércores, día 15 de decembro, data en que pecha o museo. A intención é reabrilo en Semana Santa, segundo manifestou Amor Barreiro –presidente da Asociación de Antigos Tunos Composteláns–, quen anunciou actividades divulgativas e sociais para o 2011, como charlas, faladoiros e lecturas literarias.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 13.12.2010.