A Igrexa da Universidade acollerá a mostra fotográfica ‘Loita contra a pobreza e a exclusión social en Galicia’
A indixencia, a falta ou precariedade da vivenda, as trabas na integración social e laboral, a inmigración, a falta de recursos, a educación como ferramenta integradora son algúns dos conceptos recollidas nunha mostra fotográfica que se vai inaugurar na Igrexa Universidade da man da Fundación Galicia Europa. O acto inaugural celebrarase este mércores 15 nun acto ás 19:00 horas coa presenza do vicerreitor de Extensión Universitaria, Cultura e Sociedade, Javier Garbayo, e do director da Fundación, Jesús Gamallo Aller. As dezanove imaxes expostas presentáronse ao concurso convocado pola Fundación Galicia Europa baixo o lema ‘Loita contra a pobreza e a exclusión social en Galicia’, nunha iniciativa dirixida á mocidade galega para que plasmaran a súa visión sobre este tema. Concíbese como unha chamada á solidariedade, tanto dos que retrataron ás persoas máis desfavorecidas cos seus obxectivos como aos visitantes que percorrerán a mostra. Coincidindo co Ano Europeo da Loita contra a Pobreza e a Exclusión Social, o concurso busca amosar as diversas facianas dunha realidade presente a cotío nas cidades. Son situación que afecta a xente de todas as idades, desde os máis cativos ata os nosos maiores, grupos especialmente febles ante a exclusión. Con esta mostra, a USC súmase á proposta da Fundación para sensibilizar á cidadanía e implicala nesta loita, considerando que calquera iniciativa solidaria constitúe un paso máis de cara a erradicación da pobreza.
A Fundación Galicia Europa é unha entidade sen ánimo de lucro creada co obxectivo de achegar Galicia a Europa. Constituída en 1988 como organismo adscrito á Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE da Xunta de Galicia representa e vela polos intereses galegos na capital europea.