Docentes da USC asisten á primeira reunión da Comisión Académica da Rede Internacional de Doutoramento en Física de Partículas, Astrofísica e Cosmoloxía

Os profesores Máximo Pló Casasús e Carlos Merino Gayoso participarán, como representantes da USC, na primeira reunión da Comisión Académica da Rede Internacional de Doutoramento en Física de Partículas, Astrofísica e Cosmoloxía (IDPASC -International Doctorate Network in Particle Physics, Astrophysics and Cosmology – www.idpasc.lip.pt), da que a Universidade compostelá forma parte a través do programa de doutoramento do seu Departamento de Física de Partículas. A xuntanza celebraras entre este venres 17 e o sábado 18 na localidade portuguesa de Sesimbra no marco da primeira escola Internacional en Física de Partículas, Astrofísica e Cosmoloxía promovida pola IDPASC, que se desenvolve dende comezos desta semana coa presenza, entro utras figuras de primeiro nivel, do profesor Rolf Heuer, director xeral do Centro Europeo de Investigación Nuclear (CERN). A rede internacional de doutoramento IDPASC, recentemente constituída, reúne a varias universidades españolas, francesas, italianas e portuguesas e ao CERN. O seu cometido é a preparación de científicos no seu ámbito de influencia, promovendo programas conxuntos de formación e reforzando a mobilidade de estudantes, docentes e investigadores das distintas institucións participantes. Conta co aval dun Comité Científico Internacional integrado por científicos de prestixio internacional, e do que forma parte o profesor Carlos Pajares Vales, catedrático da USC e representante español no Comité Científico do CERN. A rede IDPASCN, da que é coordinador principal o profesor Mário Pimenta, do Laboratório de Instrumentacao e Física Experimental de Partículas (LIP) e do Instituto Superior Técnico (IST) da Universidade Técnica de Lisboa, está a desenvolver un programa específico de bolsas de doutoramento destinado a estudantes de todas as nacionalidades que pretendan efectuar o seu doutoramento no marco da IDPASC, en calquera das universidades participantes .
Na actualidade, integran a IDPASC o Centro Europeo de Investigación Nuclear; o MAP_Fis, programa de doutoramento das universidades de Minho, Aveiro e Porto; as universidades portuguesas do Algarve, Évora, Lisboa; a Facultade de Ciências e Tecnologia da Universidade de Coimbra; o Instituto Superior Técnico da Universidade Técnica de Lisboa (IST); as universidades de Granada, Santiago de Compostela e Valencia; a Universidade de Paris VII (Francia) e italiana de de Udine. Xunto estas, son candidatas a integrarse na rede outros institucións universitarias de Alemaña, Francia, Italia, España e outros países da UE.