O biogás agroindustrial, sector con oportunidades de futuro en Galicia segundo un proxecto de investigación no que colabora a USC
A comunidade galega ten un potencial dispoñible de 93 millóns de m3/ano de biogás agroindustrial, unha enerxía que se xeraría a partir do aproveitamento dos 1,2 millóns de toneladas ao ano de subprodutos gandeiros, pesqueiros e cárnicos dos que dispón. Ese potencial equivalería a 50.000 toneladas de petróleo ao ano. Estes son os resultados aos que chegou un grupo de traballo do macroproxecto PSE Probiogás, co que colabora a USC, que identificou o potencial “dispoñible” que ten España, calculado tamén por Comunidades Autónomas, para producir biogás agroindustrial, é dicir, aqueles residuos e subprodutos orgánicos sobrantes dos sectores agroindustriais que se poden utilizar para xerar esta fonte de enerxía renovable. O estudo presentouse este venres na ETSE nunha rolda de prensa na que participaron o catedrático de Enxeñaría Química da USC, Juan M. Lema, e o coordinador do PSE Probiogás e responsable do Departamento de Calidade e Medio Ambiente de Ainia centro tecnológico, Andrés Pascual. Á vista do estudo o coordinador do proxecto PSE Probiogás, Andrés Pascual, afirmou que “o sector do biogás agroindustrial en Galicia terá oportunidades de desenvolvemento nos próximos anos”. Probiogás estimou para toda España un potencial “dispoñible” de 49 millóns de toneladas/ano de materias primas agroindustriais, o que xeraría 2.600 millóns de m 3/ano de biogás. 1 m 3 de biogás equivale á enerxía de 0,65 m 3 de gas natural e pode chegar a producir 2,1 kWh de electricidade, que equivale a unha bombilla de 100W funcionando de forma continua durante 21 horas. O biogás industrial O biogás agroindustrial é unha enerxía renovable que pode producir principalmente calor e electricidade. A “co-dixestión anaerobia” é a tecnoloxía que fai posible obter biogás agroindustrial xa que permite aproveitar materiais orgánicos residuais procedentes de diversas actividades agroalimentarias como os subprodutos de froitas e vexetais, da carne ou do pescado, as dexeccións gandeiras (esterco, puríns), lodos de depuradoras de industrias alimentarias, etc. Probiogás O macroproxecto PSE PROBIOGAS, co financiado polo Ministerio de Ciencia e Tecnoloxía no seu programa de Proxectos Singulares e Estratéxicos, ten como obxectivo principal investigar e demostrar as vantaxes da produción de biogás agroindustrial en España. Liderado por ainia centro tecnológico participan outros 28 socios, entre eles, a USC. A USC participa no proxecto PSE Probiogas desenvolvendo actividades de investigación relacionadas co proceso de produción de biogás a partir da co-dixestión de dexeccións gandeiras e residuos da produción de biocombustibles, así como de subprodutos de orixe animal. Participan tamén en tarefas de investigación relativas ás interrelacións entre poboacións microbianas e os parámetros de operación en dixestores anaerobios. Ademais, colaboran no proxecto de demostración centrado no control e automatización de instalacións de codixestión anaerobia de puríns e residuos agroindustriais. Trátase dunha demostración a escala industrial tanto de sistemas completos de codixestión anaerobia como das tecnoloxías específicas para a mellora da súa eficiencia. Xornadas técnicas A presentación deste venres realizouse en paralelo á xornada técnica sobre ‘Produción de biogás por co-dixestión anaerobia de residuos agroindustriales’ organizado polo grupo de Enxeñaría Ambiental e bioprocesos da USC. O laboratorio da USC que participa no proxecto atópase na ETSE