Pasar al contenido principal

Lugo Cultural dará a benvida aos universitarios cunha semana de intensa actividade

Lugo Cultural dará a benvida aos universitarios cunha semana de intensa actividade
Lugo Cultural dará a benvida aos universitarios cunha semana de intensa actividade
A Semana de Benvida celebrase do 25 ao 28 de outubro con actividades e actuacións relacionadas coa música e o teatro

Un ano máis estréase a programación de Lugo Cultural cunha semana de intensa actividade que se achegará tanto ao Campus de Lugo como ao conxunto da cidade. É a cuarta edición na que Lugo Cultural deseña un ciclo de iniciativas encamiñadas a dar a benvida aos universitarios, e que supoñen o inicio dunha axenda de espectáculos e actividades de diversa índole que enchen de vida a cidade amurallada o longo de todo o ano. Representantes das distintas entidades que se unen para impulsar as actividades culturais da cidade de Lugo dentro deste programa compareceron este venres en Lugo para facer a presentación das actividades. O vicerreitor de Extensión Universitaria, Cultura e Sociedade, Javier Garbayo, foi o encargado de expoñer a axenda da Semana de Benvida xunto con Paloma Lugilde, encargada das actividades culturais da USC no Campus de Lugo. Tamén estiveron no acto a concelleira de Cultura do Concello de Lugo, Nuria Mundiña; o deputado provincial responsable de Cultura, Antonio Veiga, e o xefe territorial da Consellaría de Cultura, José Carlos Rodríguez. Garbayo salientou o compromiso da USC e das entidades que colaboran nesta iniciativa para “ facer cultura ao longo de todo o ano”. Por outra parte adiantou na rolda que prensa deste venres que esta axenda de benvida é tan só un adianto do que lle agarda á cidade para o que resta de tempada, cunha programación que se foi estabilizando e que consta de varios ciclos que albergan disciplinas e obxectivos como a música clásica, a música de grupos galegos, a recuperación de espazos escénicos, a danza contemporánea, o teatro, a fotografía ou a oferta de exposicións e cursos. A Semana de Benvida prolóngase dende este luns 26 deica o venres 28 cunha aposta pola mestura da danza e o teatro de mans da compañía Experimenta Danza, que achegará a súa arte ás facultades do Campus de Lugo os días 25 e 26 a través do espectáculo En Busca do Aire. Esta actividade, dirixida e intepretada por Carlota Pérez, tamén se trasladará ao casco histórico levando a posta en escea ao E=MC 2. O día 27 será dedicado á música en distintas localizacións universitarias como a Facultade de Ciencias, o Ibader, o Cactus e novamente o E=MC 2 a carón do edificio da Vicerreitoría de Coordinación e Planificación na praza Pío XII co grupo Ensamble de cordas, que porá a banda sonora á unha das mañás de benvida. Xa pola tarde, o Salón E=MC 2 acollerá unha conferencia sobre a historia do jazz a cargo de Luís Gustavo Cuntín. Os concertos apostan este ano por grupos con grande pegada xuvenil como The Blows, formación viguesa que estreará temas do seu próximo disco, e que actuará na Praza de Santa María o luns 25 ás 20.30 horas. Para pechar con música da máis actual a Semana de Benvida, Lugo Cultural escolle a Anni B Sweet, nominada como artista e autora revelación nos Premios da Música, que ofrecerá o seu espectáculo con coñecidos temas como a versión propia de Take On Me dos noruegueses Ahá, no mesmo emprazamento, pero o xoves 28. No caso de choiva, estes concertos ao aire libre, trasladaríanse ao auditorio Gustavo Freire. Todas estas actividades serán abertas ao público en xeral, dada a importante acollida que están a recibir dende o seu inicio. Toda a información sobre a programación de Lugo Cultural pode atoparse na web www.lugocultural.es ou en Facebook.

O convenio Lugo Cultural está formado pola USC, Concello de Lugo, Deputación de Lugo, Dirección Xeral de Promoción e Difusión de Cultura da Xunta e Fundación Caixa Galicia e está xestionado pola Vicerreitoría de Extensión Universitaria, Cultura e Sociedade da USC.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 22.10.2010.