A Nobel de Química en 2009, Ada Yonath, visita a USC con ConCiencia
A científica israelita Nobel de Química en 2009, Ada Yonath, única muller viva que recibiu ese galardón, achegarase a Santiago a vindeira semana para participar no Programa Conciencia. O acto central da súa visita será unha conferencia aberta a toda a cidadanía, o luns 25 ás 20:00 horas no Centro Sociocultural Fundación Caixa Galicia, titulada ‘O ribosoma: unha máquina de ARN que sobreviviu á presión da evolución, pero está paralizada polos antibióticos’. O seu programa en Compostela dará comezo o domingo 24 cando pronuncie a conferencia inaugural da sétima Reunión da sección de Química da Axencia Europea de Investigación, ás 19:30 horas na Facultade de Química. Xa o luns 25, antes da súa intervención no Programa ConCiencia, recibiraa o reitor Juan Casares Long ás 19:00 horas no Colexio de San Xerome, onde asinará no Libro de Honra da Universidade de Santiago. Ada Yonath A. Yonath (Xerusalén, 1939) acadou en 2009 o Premio Nobel de Química xunto con Venkatraman Ramakrishnan e Thomas A. Steitz polos seus estudos da estrutura e función do ribosoma. En 108 anos de historia do Premio, o de Química só recaera noutras tres mulleres: Madame Curie, a súa filla e a británica Dorothy Crowfoot-Hodgkin, esta última en 1964. O traballo de Ada Yonath versa sobre os procesos que rexen na clave da vida, como é a tradución feita polos ribosomas da información do ADN. Os ribosomas producen proteínas, que controlan a química de todos os seres vivos, e posto que son cruciais para a vida, son tamén un obxectivo clave para os novos antibióticos.