A USC inicia o luns o único congreso do mundo vía internet sobre Química Orgánica Sintética con participantes de varios continentes
A décimo cuarta edición do da Conferencia Electrónica Internacional de Química Orgánica Sintética (Congreso Ecsoc) dará comezo este luns 1 de novembro para prolongarse ata o último día do mes. Organizado dende a Facultade de Ciencias do Campus de Lugo, da man dos docentes Julio A. Seijas e Pilar Vázquez Tato, trátase do único congreso do mundo nesta área que se realiza a través da rede e que se oferta de balde aos participantes. Ecsoc vai contando cada ano cunha maior acollida e na pasada edición rexistrou unhas 115 comunicacións, cifra que podería igualar nesta ocasión, xa que nos últimos días se superaba a cifra das 80, segundo comentan os organizadores. O debate internacional sobre química orgánica sintética contará cuns 250 participantes, espertando grande interese en países de practicamente todos os continentes. Durante o mes de novembro estarán en contacto a través da plataforma os participantes inscritos dende varios países do Este como Polonia, Eslovaquia ou Rusia, e mesmo dende lugares do continente asiático, que rexistra inscritos de Irán, Iraq, India ou Vietnam. Dende os países máis próximos do vello continente asistirán a este congreso on line representantes franceses e alemáns maioritariamente. A USC vense implicando na organización da ‘International Electronic Conference on Sinthetic Organic Chemistry’ dende a súa sexta edición, e o Congreso ten actualmente o apoio da Vicerreitoría de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo, así como da Plataforma Tecnolóxica Española de Química Sustentable (que edita unha importante revista electrónica sobre química), da Real Sociedade Española de Química e da empresa Vertex.