Pasar al contenido principal

Favorecer a mellora continua da formación dos estudantes, obxectivo do Sistema de Garantía de Calidade da USC

O obxectivo do Sistema de Garantía de Calidade da USC é favorecer a mellora continua da formación dos estudantes
O obxectivo do Sistema de Garantía de Calidade da USC é favorecer a mellora continua da formación dos estudantes

Favorecer a mellora continua da formación dos estudantes e acreditar os títulos é o cometido do Sistema de Garantía de Calidade marco que a Vicerreitoría de Calidade e Planificación desenvolveu para a súa aplicación nos centros, que agora deberán adaptar ás súas peculiaridades.

Así xa o teñen feito oito centros, que xa superaron a fase de verificación con informe positivo, como son as escolas de Enfermaría (Santiago) e a Técnica Superior de Enxeñaría, e as facultades de Ciencias Políticas, Matemáticas, Farmacia, Filoloxía, Ciencias da Comunicación e Psicoloxía.

Na actualidade están en fase de verificación por parte da Axencia de Calidade do Sistema Universitario Galego (ACSUG) os Sistemas de Garantía Interna de Calidade (SGIC) doutras quince facultades e escolas. É o caso das facultades de Física, Química, Bioloxía, Ciencias Económicas e Empresariais, Administración e Dirección de Empresas (Lugo), Dereito, Medicina, Veterinaria (Lugo), e Xeografía e Historia, e das escolas Politécnica Superior (Lugo), Formación de Profesorado (Lugo), Óptica, Relacións Laborais, Traballo Social e Enfermaría (Lugo).

Cada un dos Sistemas de Garantía Interna de Calidade establece a estrutura organizativa do centro así como un conxunto de procesos e procedementos para satisfacer as necesidades e expectativas dos grupos de interese, asegurando que os compromisos adquiridos nos planos de estudo se cumpran no desenvolvemento do programa formativo. Entre estes procesos atópanse a planificación estratéxica, o establecemento da política e obxectivos de calidade, a mediación e análise de procesos mediante indicadores ou a avaliación da actividade docente do profesorado.

O desenvolvemento do Sistema de Garantía de Calidade, aprobado no pasado Consello de Goberno, realizouse seguindo as directrices do programa FIDES-AUDIT establecido pola ACSUG e Aneca. A vicerreitora de Calidade, Dolores Álvarez, destaca a capacidade do SGIC como modelo de avaliación e mellora permanente. Nel articúlanse a planificación estratéxica, coa correspondente planificación anual; a organización das actividades segundo a xestión por procesos; e un cadro de mando ou táboa de indicadores. Son un conxunto de aplicacións que permitirán diagnosticar as fortalezas e debilidades, realizar o seguimento e análise interno dos principais procesos e actividades relacionadas cos seus programas formativos, tomar decisión de mellora continua e render contas cos grupos de interese.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 04.06.2010.