Preto de 400 talentos matemáticos na convocatoria ESTALMAT-Galicia 2010
Un total de 381 estudantes de toda Galicia participan este sábado, 5 de xuño, nas probas de selección da promoción 2010 do Proxecto Estalmat-Galicia para a detección e estímulo do talento en matemáticas que dirixe o catedrático de matemática aplicada, Juan Viaño, actual vicerreitor de Profesorado e Organización Académica.
Da proba, que se desenvolverá ao longo de toda a mañá, sairán os 25 seleccionados que durante os dous vindeiros cursos académicos acudirán ás actividades que terán lugar na Facultade de Matemáticas nas mañás dos sábados.
Os participantes, 245 rapaces e 136 rapazas, proceden na súa maioría das provincias da Coruña (189) e Pontevedra (141), seguidas das de Lugo (34) e Ourense (17), tanto do ensino público como do privado. Con este número de inscritos o Proxecto ESTALMAT-Galicia consolida a súa andaina dende 2007 e duplica a media dos tres últimos anos. Chégase así aos 1.000 estudantes que teñen pasado pola Facultade de Matemáticas nos últimos catro anos para facer a proba de selección, e serán 100 os talentos que participen no programa.
EstalmatCon esta iniciativa trátase de detectar e prestar atención a nenos e nenas con talento que, en moitos casos, poden pasar inadvertidos ou quedar desatendidos nas esferas normais do ensino e da familia, desenvolvendo aspectos que permitan axudar a pensar en matemáticas, resolver problemas e, en definitiva, pasalo ben ao tempo que se detecta e canaliza o talento matemático para mellor proveito da sociedade.
Estalmat-Galicia forma parte do proxecto estatal, implantado xa en varias comunidades autónomas co aval científico da Real Academia Española de Ciencias Exactas, Físicas e Naturais e co patrocinio económico da Fundación Vodafone España, das Deputacións da Coruña e Lugo, do Proxecto Ingenio-Mathematica e do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC).